Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames dedica 157.256...


CONCELLARIA DE CULTURA, DEPORTES E PATRIMONIO HISTÓRICO

Ames dedica 157.256 euros á promoción das actividades culturais e deportivas

[02-02-2011] O Concello de Ames sempre comprometido coa promoción da cultura e o deporte aprobou as axudas que se inclúen dentro da convocatoria de subvencións de 2010 para o incentivo das actividades deportivas e culturais. Desta convocatoria de axudas puideron beneficiarse 26 entidades sen ánimo de lucro, entre as que se repartirán 49.888,55 euros, así como tamén 12 comisións de festas que disporán de 35.384,96 euros, e 27 clubs deportivos aos que se lle outorgaron 71.982,76 euros. Deste xeito, o goberno municipal destina un total de 157.256, 27 euros á promoción das actividades cultuais e deportivas. Despois de que as entidades xustificasen os gastos nos vindeiros días efectuarase o pagamento desta axudas.

A cultura e o deporte son elementos básicos que deben ser promovidos en prol da sociedade. A cultura inclúe todos os trazos distintivos que nos caracterizan como sociedade englobando, ademais das artes e as letras, os nosos modos de vida, sistemas de valores e as nosas tradicións e crenzas. En canto ao deporte, ademais de ser unha actividade que axuda á socialización das persoas, ten efectos tranquilizantes e antidepresivos, que nos axudan a mellorar os reflexos, eliminar a tensión e ensínanos a asumir responsabilidades e a aceptar normas. O goberno municipal é moi consciente do importante que é o respaldo e incentivo das nosas actividades tradicionais e deportivas.

Debido a iso, o Concello de Ames, un ano máis volveu a sacar unha convocatoria de axudas para promover as actividades culturais e deportivas entre as diferentes asociacións municipais. Esta convocatoria de subvencións ten por obxecto promover as actividades e apoiar a dotación de infraestruturas ou equipamentos das entidades culturais e deportivas do concello.

Despois de que rematase o prazo para presentar as solicitudes a comisión avaliadora revisou todas as propostas presentadas e aprobouse a concesión de 157.256, 27 euros para a promoción das actividades cultuais e deportivas. As subvencións concedidas para actividades culturais tivo unha contía de 49.888,55 euros, mentres que se destinaron 71.982,76 euros para a promoción do deporte e 35.384,96 euros para a celebración de diferentes festas parroquiais. Destas axudas beneficiaranse un total de 65 entidades sen ánimo de lucro, deportivas e comisións de festas.

Un total de 26 entidades sen ánimo de lucro recibirán 49.888,55 euros. Entre estas entidades hai asociacións de veciños, culturais, educativas e recreativas. Dentro desta apartado figura a Asociación Cáritas Milladoiro, que recibirá 1.600 euros para fomentar a integración social ou o Club de Jubilados y Pensionista del Milladoiro (JUPEMI), que disporá de 1.125,45 euros para mellorar as instalacións do seu local situado na rúa Figueiras.

Ademais, 27 clubs deportivos federados do concello de Ames, repartíranse 71.982,76 euros. Os clubs que obtiveron unha maior contía foron o Bertamiráns Fútbol Club, que recibirá 6.609,53 euros, a Sociedade de caza e pesca Azor, que disporá de 6.022,65 euros, o Milladoiro Sociedade Deportiva, que recibirá 4.239,83 euros, o Club de atletismo MillaRaio, que percibirá 2.910,75 euros, e o Fútbol Club Meigas, que disporá da mesma contía, 2.910,75 euros.

As asociacións veciñais e comisións de festas tampouco quedarán sen a súa achega económica para poder sufragar as festas parroquiais do ano pasado. Deste xeito, un total de 12 asociacións e comisións de festas recibirán 35.384,96 euros. A asociación de festas do Milladoiro recibirá 6.627,96 euros, mentres que a asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina disporá de 5.917, 06 euros.

As actividades subvencionadas foron todas aquelas derivadas da organización de actividades culturais como cursos, celebracións tradicionais, viaxes culturais, obradoiros e certames. Tamén se subvencionaron as melloras de instalacións e adquisición de material e a organización de actividades deportivas incluíndo escolas, cursos, competicións e campus deportivos. Así como tamén o equipamento deportivo, cinexético e piscícola, mellora das instalacións, adquisición de material e repoboación de especies.

As entidades beneficiarias desta convocatoria de subvencións xa xustificaron os gastos polos que se lle serán concedidas as devanditas axudas. Polo tanto durante os vindeiros días comezará a efectuarse o pagamento destas contías.

A nova noutros medios dixitais:

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925