Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames énchese...


Ames énchese literatura no mes das Letras

[15-05-2019] O Concello de Ames prepárase para celebrar as Letras Galegas, que nesta edición están dedicadas ao profesor e historiador Antón Fraguas. A Concellaría de Normalización Lingüística e Comunicación organiza un acto literario-musical este xoves, 16 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. O evento comezará ás 20.00 horas, e incluirá as actuacións musicais do Coro Son Elas e do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, así como a entrega de premios do XVI Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía e do XI Certame Artístico-Literario Intercentros. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

Dende o ano 1963 no mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas, unha cita importante para literatura galega, a través da que se pretende homenaxear ás figuras máis destacadas do panorama literario galego. O Concello de Ames únese un ano máis á celebración desta efeméride cunha serie de iniciativas que non só buscan homenaxear a Antón Fraguas, a figura central do Día das Letras Galegas 2019, senón tamén contribuír á posta en valor da literatura e da lingua galega.

O acto central será unha gala literaria musical, que terá lugar este xoves, 16 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. A música correrá a cargo do alumnado de canto da Escola Municipal de Música, que interpretará dúas cancións do grupo Luar na Lubre, e do Coro Son Elas. Ademais, no transcurso do acto, entregaranse os premios dos dous certames literarios que convoca o concello, o XI Certame Artístico-Literario Intercentros e o XVI Certame Literario Concello de Ames. O evento será conducido pola xornalista de Ames Radio Nazaret López.

O obxectivo desta gala é, como en anos anteriores, darlle visibilidade á vitalidade e á calidade da creación literaria na nosa lingua e homenaxear a todos os creadores e creadoras, en especial ás persoas gañadoras nas dúas convocatorias literarias amesáns e ao autor escollido pola Real Academia Galega. Porén, esta non será a única actividade coa que o Concello festexe as letras.

Ames, vila poética. Camiños de versos
O alumnado de todos os centros de ensino públicos de educación infantil e primaria de Ames, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística municipal, converterá Ames nunha vila poética. Para iso colocaranse arredor de duascentas laxas ilustradas con versos en lingua galega en diferentes espazos concorridos dos concello. Estes versos foron escolmados e ilustrados polo alumnado amesá e algúns deles mesmo creados pola rapazada.

Os lugares escollidos para albergar esta mostra de poesía ao aire libre son o paseo fluvial de Bertamiráns, a praia fluvial de Tapia, a zona axardinada da Travesía do Porto e o Parque dos Piñeiros no Milladoiro. A partir deste xoves, 16 de maio, todas as lousas estarán colocadas á beira dos camiños para facilitar que a veciñanza poida achegarse ás letras galegas e gozar deste traballo durante os seus paseos.

Con esta iniciativa búscase dinamizar e estimular o uso do galego entre as crianzas e entre a veciñanza, así como fomentar a creatividade en lingua galega e contribuír ao achegamento, á posta en valor, á difusión e a visibilización da poesía galega entre a comunidade amesá. Esta actividade conta tamén coa colaboración do Departameno municipal de Obras e Xardíns. Canta, miña pedra, canta. Unha homenaxe a Antón Fraguas
A celebración das Letras Galegas en Ames continuará o vindeiro venres, 31 de maio, ás 18.00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns co espectáculo musical e de narración oral Canta, miña pedra, canta. Un musical con elementos teatrais e de participación activa durante o que Xoán Curiel porá música a algunhas das cantigas recollidas por Antón Fraguas na súa obra compilación “Cantigueiro de Cotobade”, ademais da interpretación de varias cancións propias inspiradas na obra e vida do autor pontevedrés.

Charo Pita, pola súa banda, enriquecerá a actuación cunha mostra de distintos contos populares galegos, extraídos do libro O fillo do rei e outros contos populares galegos, co obxectivo de achegar a rapazada a este ámbito da cultura. Canta, miña pedra, canta é un espectáculo dirixido a un público infantil e familiar que chega a Ames da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Para asistir non é preciso reservar previamente, dado que a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

Con este evento buscase homenaxear a Antón Fraguas, un home que dedicou a vida a poñer en valor a cultura e a lingua galegas mediante o seu coñecemento, difusión e desenvolvemento. Historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro activo das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, Fraguas foi sobre todo un docente comprometido. Durante a súa extensa obra bibliográfica, mostrouse como unha persoa comprometida co país, que dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galego, sobre todo dende o punto de vista antropolóxico.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925