Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Goza dun verán...


Goza dun verán diferente no campus de fútbol sala “Meigas e Trasgos”

[13-05-2019] O FC Meigas e a EFS Trasgos, en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, organizan un ano máis o seu campus de verán de fútbol sala Meigas e Trasgos, que se desenvolverá entre o 1 e o 12 de xullo na área deportiva de Bertamiráns. Dirixido a nenas e nenos de 4 a 17 anos, o campus terá lugar de 10.00 a 14.00 horas, aínda que tamén contará con servizo de gardería a partir das 9.00h e ata as 14.30 horas. O número de prazas para participar neste campus son limitadas, polo que é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico fcmeigas@gmail.com.

En vista ao éxito acadado nas anteriores edicións dos campus de verán e Nadal, o FC Meigas e a EFS Trasgos volven achegar o fútbol sala aos rapaces e rapazas de Ames durante este verán. A iniciativa suporá unha oportunidade para gozar do fútbol sala da man de adestradores e monitores profesionais, que farán que as nenas e nenos participantes teñan mañás cheas de diversión, actividades e aprendizaxe. Así, o Campus de Verán transcorrerá entre o 1 e o 12 de xullo na área deportiva de Bertamiráns, en horario de 10.00h a 14.00 horas. Haberá servizo de gardería de 9.00h a 10.00 e de 14.00 a 14.30h.

Este Campus de verán, orientado a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos, trátase dunha experiencia multidisciplinar na que o nexo común será o fútbol sala, máis os rapaces e rapazas participantes poderán introducirse noutras disciplinas como baloncesto, voleibol, balonmán ou golpbol. Ademais, non faltarán as actividades na piscina descuberta de Bertamiráns e outras moitas sorpresas para todos os nenos e nenas que se animen a participar do Campus. Todo elo baixo o paraugas da colaboración, o traballo en equipo e a adquisición de valores, eixos fundamentais do labor de aprendizaxe do FC Meigas e a EFS Trasgos.

Inscricións e prezos
A inscrición nesta actividade pode realizarse enviando o formulario dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo de correo electrónico fcmeigas@gmail.com. Pode obterse máis información a través do número de teléfono 670 51 81 20. As nenas e nenos inscritos poderán acudir a este campus unha ou dúas semanas, tanto do 1 ao 5 de xullo como do 8 ao 12 do mesmo mes.

Así, o prezo por participante é de 120 euros para as dúas semanas, cun desconto de 20€ para as nenas e nenos do FC Meigas e da EFS Trasgos. O prezo para unha semana é de 65 euros, cun desconto de 10€ para as nenas e nenos do FC Meigas e da EFS Trasgos. Para obter máis información sobre esta actividade, pódese visitar a páxina web www.fcmeigas.com.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925