Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Cuarta Xusta,...


Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew actuarán no IX Millarock

[12-04-2019] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da novena edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 2 de agosto na mesma localidade. A rolda de prensa contou coa presencia do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas, o batería de Nao, X. Ramón Iglesias; Laura Romero de Zënzar, e dous dos integrantes de Cuarta Xusta, Alberto García e Marta Sánchez. Organizado polo Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.

Esta mañá, tivo lugar a presentación do cartel da nova edición do festival Millarock na Casa da Cultura do Milladoiro. Este ano, o evento contará coa participación dos grupos Nao, Cuarta Xusta, Zënzar e Dios ke te crew, cumprindo un ano máis o seu obxectivo de servir como punto de encontro entre bandas consolidadas e grupos emerxentes ao tempo que aposta polo rock en galego. Así, o Millarock será o encargado de marcar o comezo das festas do Milladoiro con enerxía e moito rock.

Esta será unha cita especial para os seguidores do grupo Nao, que se encontran inmersos na súa xira de despedida e que escolleron o Millarock como un dos seus últimos concertos. A banda, formada por Pablo Carracedo, Gustavo Brea, Antón Fernández e X. Ramón Iglesias; conta cunha traxectoria de trece anos marcada polo compromiso social e a súa forza no escenario. Durante o concerto, Nao interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, ao tempo que fará un percorrido polo seu último disco, titulado Ata que o lume se apague. Durante a presentación, o batería deste grupo estradense, X. Ramón Iglesias “Amós”, expresou a súa “satisfacción por actuar nun lugar onde non estiveramos antes” cun “cartel redondiño, integramente en galego e con moita presenza feminina”.

Por outra banda, tamén se contará coa actuación doutro dos grupos máis consolidados do panorama galego, Zënzar. A banda botou a andar no ano 1988 e conseguiu gravar a súa primeira maqueta en 1992. Dende entón percorreron todos os recunchos do país coa súa música. Na actualidade, o grupo está formado por Manolo García, Xosé A. Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira e Laura Romero, que se incorporou á banda tralo falecemento de José A. Regueiro 'Tabe' no 2016.

Ademais, Laura Romero, Paco Cerdeira e Xosé Bocixa ofrecerán tamén unha serie de charlas antes do concerto, nas que falarán de distintos aspectos da música, poñendo o aceno nos ámbitos que lles tocan de maneira máis directa. Así, Laura conversará cos asistentes sobre o seu proxecto Músicas galegas ilustradas, co que busca darlle visibilidade ás mulleres músicas de Galicia; mentres que Bocixa fará unha percorrido pola historia do rock galego e Paco falará de como viviu el a chegada a Galicia dende México e como trasladou ese cambio á música. Asemade, esta edición do Millarock tamén contará coa actuación do grupo de rap, Dios ke te crew, que volve á escena musical despois dun tempo retirados. Formado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, esta banda de Ordes destaca polos seus directos e as súas letras cargadas de ironía, orixinalidade e unha música moi propia que mistura toques de rock, jazz ou funk.

O cartel completarao Cuarta Xusta, o grupo orixinario de Melide integrado por Marta, Lúa, Alberto, Alba e Aida. Cuarta Xusta xorde no ano 2016 e entra con forza no panorama musical galego mediante versións de temas coñecidos ata que, meses despois, deciden compoñer temas propios para dotar á banda de carácter propio que os levan a percorrer numerosos festivais ao longo de Galicia. Así comeza a preparación do seu primeiro traballo discográfico Un novo espertar, presentado o 10 de marzo do 2018, oito temas propios nos que cristaliza o seu obxectivo musical, “berrar con música as inxustizas que nos rodean”. Durante a presentación, Alberto García afirmou, xunto á súa compañeira Marta Sánchez, que para Cuarta Xusta formar parte do Millarock supón “un auténtico honor poder coincidir con estas bandas e ver a xente que leva tantos anos arrasando polo país. Para nós é unha ilusión moi grande estar aí e poder participar niso”.

Por último, o produtor e músico Francisco Gomez Seijo foi o encargado de pechar o acto, para o que prometeu facer todo o posible para que, tanto os músicos como o público o pasen ben no seu paso por esta novena edición do Millarock. Asemade, quixo salientar a necesidade de “protexer os concellos que defenden a música en calquera formato, posto que é importante dar cabida á xente que quere medrar fóra dos estilos máis tradicionais, que deixan unha herdanza para os que veñen detrás”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925