Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Este mércores...


Este mércores impártese un novo obradoiro de competencias socioemocionais sobre a disciplina positiva

[10-04-2019] A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organiza hoxe, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, un novo taller dirixido ás mulleres amesás que estará centrado na disciplina positiva. Este taller enmárcase dentro dun programa de obradoiros de competencias socioemocionais enfocados no empoderamento feminino, para a adquisición de capacidades e habilidades socioemocionais que favorezan o seu crecemento persoal. Para participar nas actividades deste ciclo non é necesaria inscrición previa.

O Centro de Información da Muller (CIM) de Ames puxo en marcha no pasado mes de marzo unha serie de obradoiros destinados ao empoderamento das mulleres amesás. Así, o ciclo consta dun total de oito talleres que se irán alternando os mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00h, e os xoves no Pazo da Peregrina das 17.00 ás 19.00 horas. O primeiro deles xirou en torno ao autocoidado, mentres que o segundo obradoiro centrouse na corporalidade e a atención plena. Este mércores, 10 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, impártese o terceiro obradoiro deste programa que tratará sobre a disciplina positiva.

Deste xeito, aportaranse un conxunto de ferramentas para fortalecer a autoconfianza e establecer relacións de respecto e comunicación positiva; e de habilidades para resolver problemas, responsabilidade e fomentar a participación. Tamén se falará de que crecer e aprender como persoa require ser imperfecto e asumilo; ser amables e firmes; respectuosos e motivadores; ver o erro como oportunidade de aprendizaxe; resaltar o valor e as fortalezas de cada un a través da capacitación; enfocarse cara o futuro e non no pasado; etc. Por último, explicarase que o gran reto é traballar para superar os problemas e non aos demais.

No taller do último xoves de abril impartirase a sesión Faite entender: comunicación interpersoal. Durante o mes de maio celebraranse catro obradoiros, o primeiro dos cales levará por título Alimentar o teu cerebro: nutrición e benestar, que se realizará o xoves 9 no Pazo da Peregrina. A continuación, o mércores 15 realizarase unha sesión que versará sobre o mindfulness. Os dous últimos talleres do programa xirarán en torno ao coaching e a toma de decisións, o 23 de maio, e á xestión de conflitos, o mércores 29.

Luísa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade de Ames, explica que, dende a Concellería “cremos que é de vital importancia potenciar e posibilitar espazos para a reflexión e a toma conciencia, creando un proceso de empoderamento individual e grupal, a través do recoñecemento da experiencia e voz propia. Por tanto, é necesario traballar coas mulleres para dotalas de voz e de visibilidade a través de procesos de toma de conciencia e de construción colectiva, empoderándose, tanto individual como grupal e socialmente”.

Ferramentas para o empoderamento das mulleres
Así, o empoderamento consiste en que unha persoa adquira autoridade, influencia ou coñecemento para facer algo. Nun contexto no que as mulleres aínda sofren desigualdades en ámbitos como o laboral, o social ou o persoal, como son o teito de cristal ou a fenda salarial, convértese en esencial facilitarlles todas as ferramentas necesarias para o seu empoderamento, o que supón un paso máis cara a igualdade.

Así, unha muller empoderada é aquela que se coñece a si mesma, que vive a súa feminidade con liberdade, que rompeu as súas barreiras internas e conectou ca súa verdadeira esencia. Todo isto permítelle ter o control sobre a súa propia vida, alcanzar as súas metas, tomar decisións, manter relacións saudables, establecer límites firmes ante calquera tipo de desigualdade.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925