Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Inscríbete e...


Inscríbete e participa os días 29 e 30 de marzo no X Seminario Internacional de Materiais didácticos sobre Robótica Educativa

[14-03-2019] O concello de Ames acolle os días 29 e 30 de marzo o X Seminario Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos. Nestas xornadas, que se celebrarán no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns, abordarase que facer cos robots nas escolas e nos fogares. A inscrición no seminario está aberta ata este venres 15 de marzo. A entrada será de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo do Seminario.

Conscientes da necesaria formación en metodoloxías STEM e partindo de que a escola é un espazo de aprendizaxe na que debe realizarse un tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos, esta actividade nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.

Este Seminario internacional está organizado pola Nova Escola Galega, o Grupo de investigación en materiais educativos CAVILA e o Concello de Ames. Está dirixido aos docentes dos centros escolares, así como ao conxunto da veciñanza amesá. Aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Ademais, permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM.

Entre os obxectivos deste encontro están: coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas; e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar.

Programa do Seminario
Deste xeito, os días 29 e 30 de marzo levarase a cabo o X Seminario Obradoiro Internacional de Materiais didácticos. O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. Posteriormente levarase a cabo unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro Lúdico-Cultural no que se celebrarán os 10 anos do Seminario.

O día 30 o encontro será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Posteriormente levarase a cabo varios obradoiros simultáneos no que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos.

Obradoiros para infantil, primaria e secundaria
Estes obradoiros estarán divididos en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza nestes obradoiros de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto “Realidade virtual e storytelling”.

Para participar neste Seminario Obradoiro hai que inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto ata este venres 15 de marzo. A entrada será de balde previa inscrición. O encontro está aberto a todo o público.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925