Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Organízase un...


Organízase un ciclo de charlas informativas sobre a campaña de mitigación da incidencia da avespa velutina

[13-03-2019] Durante o mes de marzo comenza a campaña de mitigación da invasión da vespa velutina no concello de Ames. Lolo Andrade, entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre, e que leva unha longa e intensa traxectoria de estudo e desenvolvemento de métodos de loita contra a expansión da avespa asiática será o encargado da impartición das charlas - coloquios. A primeira delas terá lugar este xoves, 14 de marzo, no Local social de Bugallido. A segunda charla impartirase o día 21 no Local social de Tapia. As charlas comezarán ás 20.00 horas. O obxectivo desta campaña é que a veciñanza amesá colabore na captura de raíñas seguindo o método recomendado por especialistas e coas trampas e líquido atrainte axeitado.

A Concellaría de Medio Ambiente organizou unha serie de charlas informativas sobre a avespa velutina. Tratase dunha campaña de mitigación da invasión da vespa asiática, a través da impartición de dúas charlas informativas que impartirá o entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre, Lolo Andrade. A primeira actividade realizarase este xoves, 14 de marzo, cunha charla – coloquio no Local social de Bugallido. A segunda charla impartirase o día 21 no Local social de Tapia. As charlas comezarán ás 20.00 horas.

A Concellaría de Medio Ambiente e maila Agrupación de Protección Civil de Ames traballan de xeito coordinado neste eido. Así, os voluntarios e voluntarias de Protección Civil participan nos traballos de retirada de niños, tamén fan trampeo e manteñen á poboación informada. O Concello de Ames está adherido ao plan de control da avespa velutina da Consellaría de Medio Rural, o que lle permite dispor de equipos de protección individual e dunha pértega con elementos accesorios. Ademais, o acordo subscrito entre as dúas Administracións tamén posibilita que o grupo de persoas voluntarias de Protección Civil de Ames dedicadas a estas labores reciban información especializada, orientada á realización de traballos de retirada de niños.

Protexer as colmeas, a froita, e mailos paxaros e o obxectivo principal desta campaña, ao tempo que tranquilizar á veciñanza ante alarma que este insecto causa. Ademais, nestas charlas darase información sobre as trampas que mellor funcionan e o líquido atrainte recomendado que non causan dano noutras especies. Tamén será importante prestar atención aos diferentes métodos de loita que debemos adoptar nos distintos meses do ano adecuándoos ao ciclo biolóxico da velutina. Así, de marzo a maio e de setembro a outubro débese facer o trampeo das avespas raíñas.

Balance da campaña de 2018
En 2018 foron repartidas 150 trampas que, sumadas ás 100 de 2017, suman un total de 250. Asemade, durante as dúas semanas de maior actividade, chegáronse a retirar entre 50 e 100 raíñas diarias. Ademais, a agrupación de Protección Civil recibiu 564 avisos para retirar niños. Cabe destacar, que dos 564 niños avistados, a parroquia de Ortoño (145) foi onde maior número deles se concentrou, seguida por Ames (98), Biduído (93), Bugallido (61), Covas (42), Trasmonte (36) e Agrón( 33). Asemade, as zonas das que menos avisos recibiron foron Lens (11), Tapia (12), Piñeiro (16) e Ameixenda (17).

Ao igual que en 2018, durante este ano as trampas serán colocadas en dúas fases diferentes, a primeira das cales desenvolverase entre os meses de marzo e maio. As trampas que se coloquen durante este primeiro período estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa.

Colocación de trampas arredor dos niños secundarios
Así mesmo, tamén se irán colocar trampas nun radio de 500 metros arredor dos niños secundarios. Estes niños xa non supoñen ningún risco, xa que foron abandonados pola avespas, porén é frecuente que as novas raíñas se enterren preto dos antigos asentamentos. As accións desenvolvidas polo Concello de Ames na loita contra a avespa velutina seguen a liña de actuación recomendada pola Asociación Galega de Apicultores (AGA).

Nos vindeiros días comezará a cesión de trampas aos veciños e veciñas de Ames para a captura de raíñas. As persoas interesadas en colaborar na loita fronte a expansión da velutina poderán solicitar unha destas trampas a través da Aula da Natureza, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 004 665, en horario de 9:00 a 14:00h. O obxectivo desta acción é ir distribuíndo trampas polas parroquias máis afectadas, seguindo unha pauta de distribución de 500 metros entre elas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925