Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames e...


O Concello de Ames e os Centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro saen a camiñar co programa SaudeAndo

[13-03-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, colabora cos centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro para por en marcha unha nova edición do programa de andainas saudables, nesta ocasión baixo o lema SaudeAndo. A primeira destas andainas circulares de dificultade media-baixa terá lugar este xoves, 14 de marzo, e sairá do centro de saúde de Bertamiráns ás 17.30h. Ditas andainas realizaranse no Milladoiro e en Bertamiráns en semanas alternas. O programa consta dunha trintena de andainas.

Tralo éxito do programa de andainas saudables organizado pola Concellaría de Sanidade de Ames durante o segundo semestre do 2018, o Concello de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro organizan un novo programa de andainas que, nesta ocasión, se realizarán en ambas localidades durante xoves alternos. Dito programa comeza este xoves, 14 de marzo, en Bertamiráns e rematará o 19 de decembro no Milladoiro. No total, constará de 30 andainas, 16 en Bertamiráns e 14 no Milladoiro.

Así, estas rutas urbanas de dificultade media - baixa terán unha trazado circular e unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Asemade, partirán ás 17:30 horas dende o centro médico da localidade que corresponda e volverán ao mesmo punto ao rematar o percorrido. Para participar nesta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente. As devanditas andainas realizarase todos os xoves dende o mes de marzo ata o de decembro, agás os meses de xullo e agosto.

A través desta actividade, a Concellaría de Sanidade ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais.

Así, entre o amplo abano de beneficios que supón a realización de exercicio físico atopase a mellora da función cardiorrespiratoria, da forza muscular e da masa ósea, ademais de converterse nun factor clave para combater a obesidade. Asemade, esta práctica diminúe o desenrolo de factores de risco asociados a enfermidades crónicas como é o caso de hipertensión, diabetes, hipercolesterolemia ou osteoporose. Por outra banda, o deporte tamén mellora a autoestima, posto que permite reducir os síntomas de ansiedade e depresión e diminuír o estrés. Neste senso, a realización de actividade física, ademais de divertido axuda a sentirse máis feliz.

Calendario de andainas durante o 2019
Entre os meses de marzo e decembro deste 2019 realizaranse un total de 30 andainas, das que 16 terán lugar en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. Así, en Bertamiráns haberá andaina os días 14 e 28 de marzo, 11 e 25 de abril, 9 e 23 de maio, 6 e 20 de xuño, 5 e 19 de setembro, 3, 17 e 31 de outubro, 14 e 28 de novembro, e 12 de decembro.

Por outra banda, no Milladoiro realizarase esta actividade os días 21 de marzo, 4 de abril, 2 e 16 de maio, 13 e 27 de xuño, 12 e 26 de setembro, 10 e 24 de outubro, 7 e 21 de novembro, e 5 e 19 de decembro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925