Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Rosa Cedrón...


Rosa Cedrón poralle música ao acto deste domingo no que se celebrará o Día de Rosalía

[23-02-2019] Este domingo, 24 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 18:00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de Rosa Cedrón. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural. As persoas asistentes recibirán de agasallo un libro e unha rosa.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, anima a toda a veciñanza a participar no acto poético-musical que terá lugar este domingo, ás 18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. “O obxectivo principal das actividades programadas polo Día de Rosalía é difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro. Así mesmo, a programación busca resaltar o vínculo do Concello de Ames coa escritora e socializar entre a veciñanza a figura da autora”, explica Isabel Vaquero.

Este domingo, 24 de febreiro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 18:00 horas, a gala homenaxe a Rosalía de Castro, que contará con recitados de poesía, dramatizacións, videocreacións e actuacións musicais entre as que salienta a da cantora galega, Rosa Cedrón, que foi vocalista do grupo de música folk, Luar na Lubre. No ano 2005 comezou a súa carreira en solitario, publicando en 2007 o seu primeiro disco en solitario, Entre dous mares. En 2010 sacou un disco xunto a Cristina Pato, Soas muller, encargándose ela da voz e Cristina do piano. En 2013 gravou o disco Cantando a Galicia con Paco Lodeiro e Sito Sedes. En 2016 publicou Nada que perder, o seu segundo álbum en solitario.

A entrada será libre e gratuíta e todas as persoas asistentes recibirán de agasallo un libro e unha rosa. O acto será conducido pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López. Trala primeira das actuacións musicais, intervirá a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, seguida de María López Sandez, escritora e especialista rosaliana. De seguido, proxectarase o vídeo Versos que atravesan paredes, unha escolma de poemas elaborados polo alumnado de terceiro da ESO do IES de Bertamiráns e coordinados polo poeta e profesor, Carlos negro.

Lectura de poemas
O acto proseguirá coa lectura dos poemas: Tecín soia a miña tea; Airiños, airiños aires; Miña santiña, miña santasa; Canto a Galicia; Aló nas tardes..., por parte lo alumnado do CEP de Ventín. O poema Airiños, airiños aires contará coa música de María Novio ao violín e Tin Novio á guitarra. Saínza Ruíz e Gabriel Fraga recitarán o poema. O alumnado do Agro do Muíño tamén lerá os poemas de Rosalía: Outra vez Rosalía (de Luís Pimentel), que contará coa música do violín de Noa de Blas e a voz de Carolina Díaz; e Quíxente tanto meniña, recitado por Celia Gómez e Noa de Soto. Os rapaces e rapazas do IES do Milladoiro lerán os poemas: Pra Habana; Follas novas, risa dáme...; e Este vaise, aquel vaise.

Tamén se proxectarán vídeos realizados polo alumnado da EEI do Milladoiro e do CEIP da Maía, así como un programa de Radio Barouta sobre Rosalía, elaborado polo alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta.

#RosalíaTaménÉNosa
Por último, Daniel Villaverde, Anna R. Figueiredo, Xián Ardións e Josito Porto, que participaron na iniciativa #RosalíaTaménÉNosa, recitarán os poemas: Adios río, adiós fontes; A xustiza pola man; Castellanos de Castilla; e Xan. A este recital tamén se sumará a presidenta da ANPA do CEP de Ventín, Luz Santos, coa lectura do poema, Máis ve que o meu corazón. O gala pecharase cunha actuación da artista Rosa Cedrón.

Viaxando con Rosalía
Ademais, hoxe sábado, 23 de febreiro, realízase unha excursión poética que inclúe unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira, en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitan Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Así mesmo, a excursión tamén inclúe unha visita á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como a Casa da Matanza. Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, falará da vida da homenaxeada e á súa obra. Nesta actividade participan 63 persoas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925