Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames inaugura este...


Ames inaugura este sábado a nova Área de Autocaravanas do Milladoiro

[21-02-2019] O Concello de Ames convida aos veciños e veciñas a asistir á inauguración da nova Área de Autocaravanas do Milladoiro, que terá lugar este sábado ás 11.30 horas na rúa Buxo, fronte á EEI do Milladoiro. Ao acto asistirán o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, ademais de varios membros e socios da Asociación Galega de Autocaravanas - A.G.A. Este novo espazo ofrece maior capacidade que a antiga área, situada no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, así como unha zona de estacionamento reservada e tomas de auga e espazos habilitados para o baleirado de augas fecais.

Este sábado, 23 de febreiro, o Concello de Ames inaugura a nova Área de Autocaravanas do Milladoiro, situada no espazo habilitado para tal fin na Rúa Buxo, fronte á escola infantil. A dito acto asistirán o alcalde de Ames, José Miñones, e Isabel González, concelleira de Promoción Económica e Turismo, así como varios membros da Asociación Galega de Autocaravanas e máis de 100 autocaravanistas.

Con motivo deste acto a AGA, en colaboración co Concello de Ames, organizará ao longo da fin de semana varias actividades, como unha comida de convivencia o sábado ou unha etapa do Camiño de Santiago o domingo ás 9.30h, cun percorrido de 6,2 quilómetros e unha duración aproximada de dúas horas. Ao finalizar, un autobús levará aos participantes de regreso á área de autocaravanas do Milladoiro. Xa pola tarde, inaugurarase unha área privada na estación de servizos Galp en Bertamiráns. Pode obterse máis información na páxina web http://www.aga.gal.

Ames, primeiro concello galego con dúas áreas de autocaravanas
Ames foi o segundo concello galego, despois de Tui, en crear as súas áreas de autocaravanas, e o primeiro en toda Galicia en dispor de dous espazos destinados a estes vehículos. Ditas áreas foron creadas no ano 2004.

No concello estase a traballar para habilitar dúas áreas específicas de autocaravanas, posto que nun primeiro momento ditos espazos estaban en zonas de estacionamento. Así, no Milladoiro contábase cunha área deste tipo no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, que foi trasladada ao aparcadoiro da rúa Buxo, fronte da Escola de educación infantil do Milladoiro, onde se dotou dunha zona de estacionamento exclusiva, así como tomas de auga e espazos para o baleirado de augas fecais.

No tocante a Bertamiráns, a área de autocaravanas está situada no aparcamento da rúa Pesqueiras, que está en fronte ao supermercado Carrefour. Neste caso dende o goberno municipal están barrallando varias opcións para trasladar esta área a outra ubicación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925