Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Abre a...


Abre a inscrición para participar no espectáculo para bebés “Arre Ru” de Rilo & Penadique

[21-02-2019] Vero Rilo e Sonsoles Penadique chegan á Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres, 1 de marzo, co seu espectáculo Arre Ru. A función, destinada a familias con bebés de 0 a 3 anos, mestura narración oral e música nun espectáculo con grandes doses de asombro, repetición e delicadeza. O aforo para asistir a esta actividade é limitado, polo que será necesario inscribirse antes do día 28 de febreiro mediante un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que apareza o nome, apelidos e idade dos participantes, ademais dun teléfono de contacto.

Arre Ru nace como unha narración oral que busca conducir aos máis pequeniños/as da casa a través do amplo universo que forman as palabras, cheas de musicalidade e cargadas de sentimento e significado. Acompañadas por un acordeón diatónico, Rilo & Penadique apoiaranse en factores como a modulación da voz, a xesticulación ou a mirada para que as cativas e cativos entren de cheo nas súas historias. Sempre dende a visión de que a linguaxe en singular non existe, posto que o primeiro mergullo realízase coa familia, en comunidade. Así, Arre Ru é unha palabra que vive na boca. Non quere dicir nada, pero o A abre o asombro, o RRE a repetición, e o RU a delicadeza.

Rilo & Penadique é unha compañía de creación recente que une os talentos de Vero Rilo, cunha dilatada traxectoria como contacontos e educadora, e Sonsoles Penadique, educadora musical con ampla experiencia no ensino en centros de primaria, secundaria e conservatorios. Para asistir a este espectáculo, que terá lugar o 1 de febreiro a partir das 18.00h, é necesario enviar un correo de inscrición antes do 28 de febreiro ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que apareza o nome, apelidos e idade dos participantes, ademais dun teléfono de contacto.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 150 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban, recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925