Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames crea o programa...


Ames crea o programa “Conectad@s”, un rexistro voluntario de persoas que viven soas

[12-02-2019] O local do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro acollerá este mércores, 13 de febreiro, ás 17.30 horas, a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que será impartida polo traballador social do Concello de Ames, Jesús A. Tato, e polo psicóloga municipal, Mónica Antelo. Ademais, presentarase o programa “Conectad@s”, trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo Concello, a través do cal se vai a elaborar un rexistro voluntario para persoas que viven soas.

Os técnicos municipais Jesús A. Tato, traballador social, e Mónica Antelo, psicóloga municipal, impartirán mañá, 13 de febreiro, a partira das 17.30 horas, unha charla, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, sobre os recursos que pode ofrecer o Concello de Ames para persoas que viven soas. Deste xeito, falarase dos programas: Servizo de Axuda no Fogar; Xantar na Casa; Teleasistencia domiciliaria; e Conectad@s.

Esta charla servirá para presentar o programa Concetad@s. Trátase dun rexistro voluntario para persoas que viven soas que pon en marcha a Concellaría de Servizos Sociais. Esta iniciativa está cofinanciada pola Obra Social da Fundación La Caixa. A través desta nova iniciativa municipal trátase de que os Servizos Sociais fagan un seguimento efectivo de todas aquelas persoas maiores e persoas que viven soas nos seus domicilios evitando ou previndo situacións de risco derivadas da vida en soidade como poden ser o illamento, detección rápida de problemas derivados de accidentes domésticos, enfermidades, etc.

O programa tamén contará con accións de carácter preventivo e intervención directa das situacións detectadas co obxectivo de paliar o sentimento de soidade nas persoas, contando con elas como axentes principais do seu cambio, recoñecendo as súas necesidades, os seus desexos e a súa capacidade para afrontalo. Para informarse ou inscribirse neste novo programa pódese chamar aos números de teléfono dos Servizos Sociais: 981 535 941 (O Milladoiro) ou 981 890 964 (Bertamiráns).

O Servizo de Axuda no Fogar ofrécese en dúas modalidades: libre concorrencia, que xestiona directamente o Concello, e maila modalidade de dependencia. No Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Xantar na Casa
Ademais, falarase do programa Xantar na Casa, que vén de poñerse en marcha no Concello de Ames. Xantar na Casa basease na entrega de menús preparados para toda a semana a persoas con déficit de autonomía, maiores, dependentes ou persoas en situación ou en risco de exclusión, que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmas. Trátase dun servizo cofinanciado polas administracións e as persoas beneficiarias, no que a Xunta de Galicia sufraga aproximadamente o 50% do importe de cada menú, outro 25% o paga o Concello e o 25% restante o usuario ou usuaria.

Tamén se abordará o programa de Teleasistencia domiciliaria. Na vertente pública existen dúas modalidades para acollerse ao programa de teleasistencia. Unha é a que recolle a lei de dependencia da Xunta de Galicia e outra a que ofrece a Deputación da Coruña. Para poder optar a da Xunta de Galicia hai que ter recoñecido un grao de dependencia, pero non é necesario ter 65 anos. No caso do programa da Deputación da Coruña si que é necesario ter cumpridos os 65 anos. Todos os detalles de cada un destes programas serán explicados nesta charla.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925