Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames invita aos locais hostaleiros a adherirse á iniciativa “Caldo de Gloria” con motivo da celebración do Día de Rosalía

[12-02-2019] Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2019, unha efeméride que terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión, Padrón e Santiago, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, organiza a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, convídase aos establecementos do sector hostaleiro de Ames a que durante os días 22, 23 e 24 de febreiro sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro martes 19 de febreiro. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 22 servirase caldo galego na Rede municipal de comedores escolares.

A proposta que se lle fai, por segundo ano consecutivo, ao sector hostaleiro de Ames é celebrar esta data tan sinalada, o Día de Rosalía, servindo nos diferentes establecementos o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.

Trátase dunha receita, tipicamente galega, que será ofrecida como tapa á hora da comida e da cea nos locais que se adhiran a esta iniciativa. Como este ano o Día de Rosalía coincide nun domingo, 24 de febreiro, dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, promotora da campaña, proponse que o caldo sexa servido durante toda a fin de semana, de venres a domingo. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, explica que “dende o Concello de Ames secundamos e animamos a todo o sector hostaleiro a que se sume a esta orixinal proposta co desexo de homenaxear a unhas das máis destacadas figuras das nosas letras, e vinculada ao noso concello tanto na súa vida como a través da súa maxistral obra. Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar durante esas datas”.

Terceira edición de Caldo de Gloria
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión. Este ano súmase tamén o Concello de Santiago de Compostela, polo que xa participan nesta iniciativa os catro Concellos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía. Para potenciar a participación activa nesta campaña crearase o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web http://rosalia.gal/ poderanse descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.

Para participar nesta campaña, ou ampliar información, tan só hai que comunicalo a través dos correos electrónicos turismo@concellodeames.gal ou atencioncidada@concellodeames.gal. Outra opción é chamar ao número de teléfono 662 099 944. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro martes 19 de febreiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925