Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Comezan as obras para...


Comezan as obras para adaptar a rotonda das Galanas ao xiro dos vehículos pesados e poidan acceder con solvencia a autoestrada AG-56

[11-02-2019] Esta mañá comezaron as obras para adaptar a rotonda das Galanas, para permitir o xiro dos vehículos pesados e poidan acceder con solvencia a autoestrada AG-56. Este proxecto, que depende do Ministerio de Fomento, enmárcase dentro dun serie de medidas para eliminar a circulación de vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Ademais, a semana pasada colocáronse AG-56 e no corredor AC-522 as sinais que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Dende o pasado 12 de decembro os vehículos pesados non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro.

No pasado mes de decembro o goberno municipal participou nunha xuntanza na sede da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, á que asistiron representantes do Ministerio de Fomento, da Xunta de Galicia, dos Concellos de Santiago de Compostela e de Teo, e da Dirección Xeral de Tráfico. Neste encontro acordouse colocar na autoestrada AG-56 e no corredor AC-522 as sinais que prohiben a circulación de vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Esta sinais, que foron colocadas a semana pasada, proporcionan información sobre a ruta alternativa que se pode realizar para que os vehículos pesados non atravesen a localidade do Milladoiro pola N-550.

Cómpre lembrar que dende o pasado 12 de decembro os vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas non poden circular pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Deste xeito, ditos vehículos teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

Estímase que con esta medida deixen de circular ao ano pola avenida de Rosalía de Castro preto de 100.000 vehículos pesado, xa que son máis de 250 camións, con MMA maior a 30 toneladas, os que atravesan cada día esta localidade. Adaptación da rotonda das Galanas
Outros dos acordos adoptados na xuntanza do pasado mes de decembro foi a adaptación da rotonda das Galanas, para permitir o xiro dos vehículos pesados e poidan acceder con solvencia a autoestrada AG-56. Estas obras, que dependen do Ministerio de Fomento, comezaron a executarse esta mañá. Nas próximas semanas está prevista unha nova xuntanza na sede da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, para valorar a repercusión das medidas adoptadas para desviar o tráfico pesado do centro do Milladoiro.

Por outra banda, estanse executando as obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado, que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro.

Deste xeito, búscase mellorar a seguridade na N-550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación está sendo realizada con fondos propios municipais e ten un custo de 32.192 euros. Todas estas actuacións redundarán na humanización do núcleo urbano do Milladoiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925