Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Susana Seivane...


Susana Seivane escolle Ames para presentar o seu novo disco ‘FA’

[09-02-2019] Bertamiráns acolle o vindeiro venres, 15 de febreiro, o concerto de presentación de ‘FA’, o novo traballo da gaiteira Susana Seivane. Durante o evento, que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 21.00h, a artista fará un percorrido polos temas do seu novo álbum, doce pezas adicadas aos seus fillos a través das que descobre ante o público os sentimentos que despertan nela a maternidade e a vida familiar. As entradas xa poden adquirirse na páxina Eventbrite.

Despois de oito anos, Susana Seivane saca a finais de 2018 o álbum ‘FA’, unha obra adicada aos seus fillos, Fiz e Antón. A través de doce temas, a artista comparte co público as súas reflexións sobre a maternidade, as relacións familiares, os pequenos momentos da súa vida como nai e muller ou a plenitude persoal. Sentimentos e sensacións que a gaiteira transmitirá o vindeiro venres, 15 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Así, Ames convertese no lugar escollido pola artista para realizar a presentación deste novo traballo, o quinto da súa carreira. A partir das 21.00h, o público asistente poderá gozar dalgúns dos temas deste álbum, no que se exploran novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e debullando temáticas universais como o amor superlativo, o medo, a inseguridade ou a felicidade absoluta.

As entradas para asistir a este espectáculo poden adquirirse mediante a seguinte ligazón. O custo das entradas é de 11,09 euros en venta anticipada.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925