Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames aprobou no 2018 un total de 204.112,41€ en concepto de renda social e axudas a situacións de emerxencia

[09-02-2019] A Concellaría de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais de Ames fai balance do primeiro ano de funcionamento da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, ao abeiro da que se aprobaron axudas por un total de 204.112,41 euros. Trala entrada en vigor desta ordenanza reguladora o pasado 14 de decembro de 2017, concedéronse 14 rendas básicas, das que 3 foron prorrogadas, por valor de 52.728,14€. Asemade, destináronse 46.419,09 euros concedidos para alugueiros; 82.484,19€ para necesidades básicas; 10.329,13€ para pobreza enerxética; 8.111,31€ para habitabilidade; 1.535,88€ para gastos médicos; 1.849,67€ para auga e 655€ para formación. O 31 de decembro o importe pagado ás familias beneficiarias ascendía a case o 70% do importe total concedido.

O goberno municipal fai balance do primeiro exercicio dende a posta en marcha da ordenanza reguladora da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Mediante esta ordenanza, pretendese garantir unha contía económica mínima coa que os veciños e veciñas con recursos económicos e patrimoniais insuficientes poidan cubrir as súas necesidades básicas e que lles permita levar unha vida normalizada cunhas perspectivas de futuro favorables.

Así, durante o seu primeiro ano de funcionamento, o Concello de Ames aprobou axudas por un total de 204.112,41 euros, para que veciños/as con recursos económicos e patrimoniais insuficientes puidesen cubrir as súas necesidades básicas. Así, de dita contía, 52.728,14€ destináronse a 14 rendas básicas, das que 3 foron prorrogadas, mentres que 151.384,27€ foron para solventar situacións de emerxencia social. Desta última cifra, 46.419,09 euros foron concedidos para alugueiros e fianza; 82.484,19€ para necesidades básicas; 10.329,13€ para pobreza enerxética; 8.111,31€ para habitabilidade; 1.535,88€ para gastos médicos; 1.849,67€ para auga e 655€ para formación. A día 31 de decembro, os pagos realizados ascendían a 141.506,39 euros, case o 70% do importe concedido.

No tocante aos 151.384,27€ destinados a situacións de emerxencia social, esta cifra supón un importante incremento en relación ás dos anos anteriores, en que as contías das axudas foron de 34.461€ en 2014, 29.370€ en 2015, 35.060 en 2016 e 27.010€ en 2017. A isto súmaselle que a posta en marcha desta ordenanza trae consigo unha modificación substancial da anterior ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal, cuxa principal diferencia radica na regulación de dous tipos de axudas.

A renda social
As rendas sociais están previstas para persoas, familias ou unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes, en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social, co fin de evitar, previr ou paliar posibles situacións de marxinación social, durante un período de seis meses, prorrogable. Por tanto, esta é unha prestación periódica, de natureza económica, temporal, subsidiaria e vinculada a un proxecto de inclusión social.

O límite de ingresos para poder acceder a esta renda por unidade familiar ou de convivencia é do 100% do IPREM, incrementado nun 10% por cada membro adicional ata un máximo de 150% e esíxese tres meses de empadroamento.

Axudas á situacións de emerxencia
Por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social son prestacións económicas extraordinarias e puntuais para atender situacións de urxencia sobrevidas. Complementan as axudas sociais que establece a lexislación vixente e poden cubrir: necesidades básicas xerais e sanitarias, farmacéuticas e buco-dentais; uso e mantemento da vivenda; habitabilidade e pobreza enerxética; desenvolvemento de actividades de inserción socio-laboral e educativas; e transporte.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que " a entrada en vigor desta ordenanza supón un antes e un despois nas prestacións sociais do Concello de Ames, non só pola posta en funcionamento da renda básica que nos permite garantir uns ingresos mínimos a veciños e veciñas con recursos económicos insuficientes, en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social, e que quedaban fora do ámbito das axudas autonómicas existentes, axudando así a previr ou paliar posibles situacións de marxinación social; senón tamén polas modificacións introducidas nas axudas para a recuperación, como son a elevación do importe dos ingresos mínimos para poder acceder a elas, a ampliación de supostos e o aumento dos importes das achegas. Isto permítenos atender situacións e necesidades que ata o de agora eran impensables, facilitando así o acceso a recursos e servizos que lles permitan aos veciños e veciñas que poidan estar pasados por momentos de dificultade económica mellorar a súas condicións de vida”.

Asemade, a edil destaca “o importante incremento das axudas destinadas as necesidades básicas e de mantemento da vivenda, como é o caso dos alugueiros, encamiñadas a persoas que aínda non recuperaron o seu poder adquisitivo, a veciños e veciñas que aínda seguen sendo castigados pola crise, que non teñen emprego nin prestacións, ou mesmo que tendo emprego, este é tan precario que os converte en traballadores e traballadoras pobres. Persoas que non ven paliada esa insuficiencia de recursos por ningunha outra Administración, sobre todo en materia de vivenda, o que non lles permite levar unha vida minimamente digna”. Neste senso, Luisa Feijóo subliña “a dificultade que nos estamos atopando nos últimos meses para orientar aos usuarios/as en materia de vivenda, debido sobre todo a que os recursos autonómicos, que son quen teñen competencia nesta materia, son insuficientes, non teñen en conta a situación real ou directamente non existen”.

As persoas, familias ou unidades de convivencia interesadas en optaren a estas axudas poden obter máis información nas oficinas municipais dos Servizos Sociais, situadas en Bertamiráns e no Milladoiro, ou poñéndose en contacto co departamento municipal de Servizos Sociais a través do teléfono 981 377 656.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925