Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os Concellos de Ames,...


Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago reúnense para seguir avanzando na Ruta Rosaliana

[05-02-2019] O pasado venres, 1 de febreiro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse en Bertamiráns cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión, Padrón e Santiago, co obxectivo de seguir avanzando no impulso da ruta rosaliana ‘As pegadas de Rosalía’. Así, durante o encontro pechouse o expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural, avanzouse na creación dunha páxina web propia e perfilouse a programación para o primeiro semestre deste ano.

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu o pasado venres unha reunión entre os representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago, durante a que se pormenorizaron algunhas das medidas destinadas a impulsar a Ruta Rosaliana, que percorre os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro ao longo destes concellos. Na xuntanza, por parte do Concello de Ames, participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.

Entre os temas tratados ao longo da mañá, destaca o peche do expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural, que quedou preparado para o seu envío á Dirección Xeral de Patrimonio, departamento encargado da protección, conservación e recuperación do patrimonio cultural constituído por bens materiais e inmateriais.

Asemade, durante o encontro, os e as representantes dos catro concellos avanzaron na creación dunha páxina web propia da ruta, así como na programación dunha serie de actividades e eventos de cara ao primeiro semestre deste ano. Con motivo da celebración do Día de Rosalía o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o aniversario do nacemento da poetisa, volverán a realizarse as iniciativas Café con verso, na que os cafés en Ames irán acompañados dunha tarxeta con versos de Rosalía, e Caldo de Gloria, ao abeiro da que unha serie de locais adheridos servirán tapas de caldo sobre manteis explicativos desta receita que a escritora describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas.

En marzo, por outra banda, realizarase o evento Rosalías da Vida, que buscará reivindicar a súa figura como muller forte e loitadora. A programación continuará en maio, cando volverá a realizarse unha nova saída da Ruta Rosaliana, na que se visitarán os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Itinerario circular
A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destaca que “con esta nova ruta na que levamos traballando dende o pasado ano, o que pretendemos é achegar e dar a coñecer a vida e obra de Rosalía de Catro a toda a poboación dos concellos por onde discorre, pero tamén aquelas outras persoas que nos visitan dende puntos máis afastados. O principal obxectivo é que coñezan os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro, visitando os concellos polos que discorre dita ruta”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925