Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Blanca Millán...


Blanca Millán e Borja Golán foron elixidos como os deportistas máis destacados do 2018 na XIII Gala do Deporte de Ames

[26-01-2019] Este venres, 25 de xaneiro, celebrouse a décimo terceira edición da Gala do Deporte de Ames no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, que volveu a encherse para acoller a gran festa do deporte amesán. A Gala combinou espectáculos de luz e son. Nesta ocasión o padriño da Gala foi o ciclista Gustavo César Veloso, gañador dunha etapa da Volta a España e profesional desde o ano 2001. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera foron os encargados de amenizar a Gala e de dar paso ás premiadas e premiados da noite. Blanca Millán e Borja Golán foron elixidos como os deportistas máis destacados do 2018, mentres que Gabriel Martínez levou o premio especial do público.

A XIII Gala do Deporte de Ames comezou cunha proxección audiovisual na que se recoñeceu o traballo dos numerosos clubs e entidades deportivas de Ames, así como se fixo un repaso das actividades deportivas que se están impartindo no concello. Trala proxección, entregóuselle ao deputado de Deportes e Mocidade, Antonio Leira, o premio Colaborames polo apoio da Deputación da Coruña ao fomento do deporte e a súa aposta pola mellora das instalacións deportivas do municipio. 

Ao longo destes anos a Deputación colaborou na realización de infraestruturas deportivas como as ampliacións e instalación dos pavimentos dos pavillóns, as diferentes reformas de mellora de pistas polideportivas, as gradas do campo de fútbol do Milladoiro ou a mellora da piscina municipal. Antonio Leira destacou o compromiso da Deputación co deporte, así como a forte aposta que o Concello de Ames está a ter coa mellora das instalacións a través dos fondos do Plan único. Tamén anunciou a mellora do campo de fútbol de Bertamiráns que se está a pechar entre ambas institucións de cara ao ano 2019.

Ao longo da Gala houbo diversas demostracións das mozas e mozos da escola de ximnasia de mantemento, tanto individuais como de grupo, así como proxeccións de vídeos sobre diferentes deportistas do concello. A Gala tamén incluíu demostracións de free style con balón de fútbol, break dance e beat box. Ademais, proxectouse un vídeo sobre os eventos deportivos realizados ao longo de 2018 con máis de 30 actividades de todo tipo e 7.000 participantes de todas as idades. O espectáculo, ao igual que nos últimos tres anos, foi pechado co número dos clubs de Ames que volveron a encher o escenario de diferentes deportistas e deportes. Deportistas máis destacados do 2018
O premio á deportista feminina máis destacada recaeu na xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final, foi nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia, así como no mellor quinteto xeral. Tamén estivo concentrada coa selección nacional no previo ao Europeo. Tamén optaron a este premio a tenista Celia Montero e a patinadora Nadia Iglesias. Recolleu o premio o pai de Blanca Millán. A xogadora amesá enviou un vídeo de agradecemento polo premio acadado.

O galardón ao mellor deportista masculino foi para o xogador de squash Borja Golán, campión de Europa por segunda vez e dezaseis veces campión de España. Tamén optaron a este premio Guillermo Carracedo (paddle surf) e Pablo Hernández (baloncesto). Borja Golán está considerado o mellor xogador español de squash de todos os tempos. É profesional dende 2002. Alcanzou o seu nivel profesional máis elevado en 2014 cando foi número 5 do ranking mundial. Promesas masculina e feminina
O premio á promesa masculina máis destacada do 2018 foi para o xoven xogador de squash, Arón Astray, que participou coa selección española sub-17 e sub-19 no Campionato de Europa de seleccións onde a primeira quedou no terceiro posto e a segunda como sétima clasificada. A nivel nacional, destaca o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas. Tamén optaron a  este premio Samuel Míguez (natación) e Alejandro Cereijo (xadrez e baloncesto).

A xadrecista, Nerea Cereijo Suárez, acadou o premio á promesa feminina máis destacada do 2018. Nerea Cereijo é a campioa galega feminina sub10, conseguiu o ascenso a segunda división e o campionato do grupo D de terceira división na Liga Galega co equipo EXC Sabrina Vega. Quedou 3ª do campionato de España feminino sub10 rápidas, 5ª en lentas, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1354. En baloncesto, alzouse como campioa local co equipo Premini Feminino do Peleteiro, quintas clasificadas na fase galega, e foi ás convocatorias das Concentracións CETI coa selección galega premini. Tamén optaron a  este premio a patinadora Alicia Lariño Iglesias e a xogadora de fútbol sala Malena Pellegrino Vignolo. Recoñecemento especial
O premio ao recoñecemento especial recaeu no ultrafondista Diejo Rojo Garrido. En setembro do 2018 participou no Spartathlon, unha carreira de ultrafondo na que os participantes deben percorrer os 246 quilómetros que separan as cidades de Atenas e Esparta nun tempo máximo de 36 horas. Entre os 381 participantes que comezaron esta edición, o amesán formou parte da lista dos 239 corredores que conseguiron rematala, e o único español en finalizala. Se ben os requisitos de participación son moi selectivos, dita proba foi especialmente complicada na súa edición do 2018 pola chegada do ciclón Zorba, que tomou terra con chuvias torrenciais, desbordamentos e ventos de máis de 100 quilómetros por hora.

Premio ao deportista/equipo máis destacado e ao mellor club
O premio para o deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames foi para Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Entre outros títulos, sobresaen na categoría júnior o de campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros, formando parella con Ángel González, ademais de ir coa selección española ao Mundial júnior de Plovdiv en K-1 200 e K-4 500m. Tamén optaron a este premio o equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas e mailo atleta Daniel Mato. Mellor club de Ames
O CV Bruxas foi o elixido neste ano como mellor club de Ames. A elección, que foi realizada entre os propios clubs de Ames, contou co voto maioritario a un club que durante o 2018 veu cumprido o obxectivo de contar co equipo masculino na Superliga de voleibol. Ademais, o equipo sénior feminino acadou un novo logro ao meterse na Final four do campionato Galego despois dunha excelente tempada. O presidente do club recolleu o premio de man dos representantes do club Millaraio (gañador do ano pasado) e destacou a importante labor e compromiso que están a ter ao longo deste ano co equipo masculino viaxando por toda España e agradeceu tamén ao Concello a mellora do pavimento que durante anos estiveron demandando e que agora poden empregar.

O CV Bruxas conta cun total de 9 equipos. Dous deles son de categoría sénior (o feminino compite na primeira división autonómica, mentres o masculino milita na Superliga 2, que é a división de prata a nivel nacional). Hai tres equipos de categoría xuvenil (dous femininos, un deles está na primeira división autonómica e outro en segunda, e un masculino que está na primeira división autonómica). Asemade, o CV Bruxas ten un equipo cadete, un equipo infantil, un alevín e outro benxamín. Premio especial do público
O alcalde de Ames foi o encargado de entregar o premio especial do público. Miñones falou sobre os retos do 2019 destacando a aposta pola mellora das instalacións e o crecemento das escolas deportivas, tendo como obxectivo que sigan a medrar os clubs e o número de persoas que fagan deporte no concello. Esta é a terceira ocasión na que na Gala do Deporte do Concello de Ames se entrega o premio especial do público, no que a veciñanza amesá vota pola ou polo mellor deportista do ano a través dunha enquisa publicada na páxina web municipal. Este premio recaeu no padexeiro Gabriel Martínez, que obtivo o 43% dos votos.

Nesta ocasión, o premio especial do público elixiuse entre a patinadora Nadia Iglesias, que revalidou no 2018 o título de campioa de España de patinaxe artístico na categoría júnior, subcampioa de Europa e quedou cuarta no Mundial júnior de patinaxe, celebrado en La Vendée (Francia); o xogador de squash, Borja Golán, que proclamouse neste 2018 como bicampión de Europa de squash e campión de España por decimo sexta vez; Nuria Rábano, quedou subcampioa do Mundial sub 20 coa selección española feminina de fútbol; a xogadora de baloncesto, Blanca Millán, que compite na National Collegiate Athletic Association (NCAA) e foi recoñecida a nivel individual como mellor xogadora da final e nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia; e o padexeiro Gabriel Martínez, que durante este ano proclamouse campión de España júnior K-1 200 metros, campión de España K-2 200 metros e participou coa selección Española no Mundial júnior de Plovdiv (Bulgaria) en K-1 200 e K-4 500 metros.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925