Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Concello de Ames...


O Concello de Ames premia este 25 de xaneiro ás promesas do deporte amesán na XIII Gala do Deporte

[17-01-2019] A Concellaría de Deportes celebra o vindeiro venres, 25 de xaneiro, a súa décimo terceira Gala do Deporte, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas. O acto contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 20:30 horas. A enquisa para escoller o deportista ao que lle será entregado o Premio do Público pecha este venres.

O Concello de Ames organiza a décimo terceira edición da Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro venres, 25 de xaneiro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera serán os encargados de repartir os galardóns nas diferentes categorías. Ata o de agora, só se coñecen os nomes das candidatas e candidatos, polo que as persoas, escolas e clubs galardoados serán anunciados ao longo da Gala.

As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son oito: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial e o premio especial do público. Durante a celebración da Gala, haberá diversas actuacións en directo, así como demostracións das mozas e mozos que participan en varias modalidades das escolas e clubs deportivos.

Un total de oito categorías para premiar o deporte amesan
Na categoría de deportista masculino máis destacado de Ames están nominados o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que no 2018 acadou o cuarto lugar na American Midwest Conference da NAIA; o xogador de squash Borja Golá, campión de Europa por segunda vez e campión de España por decimo sexta; e Guillermo Carracedo,campión galego de copa e circuíto de paddle surf, campión de España de circuíto e subcampión da copa. No tocante á deportista feminina máis destacada, as candidatas son a xogadora de tenis Celia Montero, subcampioa júnior individual e subcampioa dobres mixtos absolutos; a patinadora Nadia Iglesias, que se alzou como campioa de España júnior e subcampioa de Europa júnior; e a xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final.

No tocante ao deportista/equipo máis destacada/o dun club de Ames, optan ao premio o equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas polo seu primeiro ano de competición na división de prata nacional, a segunda categoría máis alta a nivel nacional, onde quedou en novena posicións dun total de once equipos; o equipo feminino do primeiro equipo do FC Meigas, que no 2018 conseguiu o ascenso a máxima categoría galega; Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros na categoría júnior; e Daniel Mato, campión de España e campión galego na categoría cadete en lanzamento de xabalina.

Por outra banda, na categoría de promesa masculina máis destacada de Ames, os candidatos son o nadador Samuel Míguez, campión galego de 100 e 200 metros braza; Daniel Carinena, bronce no campionato de España individual infantil de tríatlons, campión galego infantil de pista cuberta en 60m e en lanzamento de disco, e subcampión en 80m; o xogador de squash Arón Astray, que acadou o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas; Alejandro Cereijo, terceiro no campionato galego sub10 de xadrez, campión premundial sub10, 4º español do mundial sub10 e oitavo español no ranking ELO Fide 1669; e David Rico, campión galego en kata alevín masculino e en kata por equipos alevín mixto. No referente á promesa feminina máis destacada, optan ao premio a xadrecista Nerea Cereijo, campioa galega feminina sub10, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1669; Alicia Lariño, patinadora da categoría benxamín nacional, campioa do Trofeo Deputación da Coruña, subcampioa do Trofeo Xunta de Galicia; e Malena Pellegrino, que no 2018 pasou a formar parte da plantilla do primeiro equipo sénior autonómica, converténdose na xogadora máis nova en competir nesta categoría, aínda que compite tamén en cadete autonómica.

Últimos días para votar polo premio do público
A enquisa para votar polo/a mellor deportista amesá do 2018 está dispoñible na páxina web municipal dende o 1 de novembro, e pode acederse a ela premendo no banner que está debaixo da sección de vídeos ata este venres, 18 de xaneiro. Optan ao premio do público a patinadora Nadia Iglesias, o xogador de squash Borja Golán, a futbolista Nuria Rábano, a xogadora de baloncesto Blanca Millán e o padexeiro, Gabriel Martínez.

As votacións poderanse realizar ata este venres na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo terceira Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas tres edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual, este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como as deportistas máis destacados durante o 2018 en Ames.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925