Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Punto Limpo...


O Punto Limpo rexistrou 492 entradas no mes de decembro

[14-01-2019] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa a rexistrar uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. No mes de decembro, 492 usuarios/as fixeron uso deste servizo. Das achegas feitas ao longo do pasado mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 2.891 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

As veciñas e veciños de Ames continúan a mostrar o seu compromiso co medio ambiente, a través da correcta xestión dos residuos que non van nos colectores convencionais. Así, no pasado mes de decembro alcanzáronse as 492 visitas.

Durante o pasado mes, as veciñas e veciños de Ames entregaron 2.891 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 950 quilos, que corresponden a 118 unidades, de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Asemade, tamén se entregaron 54 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 225 quilos correspondentes a 9 unidades de baterías de chumbo, 300 pilas cun total de 9 quilogramos de pilas e 22 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron, pola súa banda, 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 67 quilogramos de pintura. A veciñanza do concello tamén achegou 82 litros de aceites vexetais e outros 48 de aceite de motor.

O Punto Limpo tamén recolleu, durante o último mes do ano, 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925