Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas 66 persoas...


66 persoas participaron do programa Vives Emprende Ames no exercicio 2018

[22-12-2018] A Concellaría de Promoción Económica e a organización Acción contra a Fame desenvolveron unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Un total de 66 persoas (43 mulleres e 23 homes), 42 de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende durante o exercicio 2018. Ademais, houbo un total de 13 negocios creados, dos cales 7 son de persoas residente en Ames. As asesorías individuais continúan realizándose por parte do persoal de Acción contra a Fame.

Froito do convenio subscrito entre o Concello e maila organización Acción contra a Fame desenvolveuse unha nova edición do programa Vives Emprende en Ames. Unha iniciativa que pretende dotar ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio. O programa puxo especial atención nas mulleres desempregadas ou en situación de precariedade laboral.

De feito, foron 43 as mulleres que participaron do programa neste exercicio 2018. A maiores participaron 23 homes. Hai que sumar outras 20 persoas participaron na conferencia sobre o novo regulamento europeo de protección de datos, que non están rexistradas como participantes. Dese total de 66 participantes, 42 foron veciñas/os de Ames, 9 de Teo, 12 de Santiago, 1 de Padrón, 1 de Val do Dubra e 1 de Ordes.

Ademais, houbo un total de 13 negocios creados, dos cales 7 son de persoas residente en Ames, aínda que son 5 negocios os que teñen o domicilio fiscal en Ames (un de deseño, confección e venda online de vestidos para eventos; outra tenda de impresións e produtos de papelería; unha consultoría/auditoría de calidade; un salón de manicura e pedicura; e unha empresa de xardinería). Os negocios restantes son un servizo de alimentos da horta; un salón de manicura; unha tenda outlet de marcas de roupa; dous servizos de solucións inmobiliarias; un servizo de terapia ocupacional; un servizo de animador sociocultural; e un bar de comidas. Plan individualizado para cada usuario/a
Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 € para a constitución do seu negocio.

Os talleres formativos impartíronse no Centro multiusos de Aldea Nova. Durante o primeiro semestre, realizáronse 8 talleres no mes de maio, acompañados de asesorías individuais presenciais, online e telefónicas. Posteriormente, no meses de outubro e novembro impartíronse outros 10 talleres formativos, correspondentes á programación dos egundo semestre de 2018. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais. Ditas asesorías individuais continúan realizándose.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agradece o traballo que está a facer Acción contra a fame en Ames. “Durante o exercicio 2018 este programa funcionou de xeito moi positivo. Un total de 66 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende, dos cales 42 son veciñas e veciños de Ames. Ademais, este programa axudoulle a 13 persoas a poñer en marcha o seu propio negocio. No vindeiro ano, agardamos igualar, e incluso superar, estes datos”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925