Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Escola Infantil A...


A Escola Infantil A Madalena celebrou un ano máis o mes da música

[07-12-2018] Con motivo da celebración de Santa Icía, patroa da música, a Escola Infantil A Madalena converte novembro no mes máis musical do ano. Nesta ocasión, ao longo do mes pasaron pola escola varios músicos profesionais e familiares de alumnos ou alumnas, que teñen a música como afección e/ou tocan algún instrumento. O mes da música rematou coa xa tradicional Festa do rock do centro.

Varios foron os familiares que se animaron este ano a acudir á Escola Infantil A Madalena durante o Mes da Música, para compartir cos nenos e nenas os seus coñecementos musicais e tocar con eles os instrumentos que foron coñecendo. Así, entre as visitas celebradas atopouse a de Raúl, Benjamín e Andrea, membros do grupo de rock amesán Biribirlocke que, ademais de actuar, lles ensinaron aos cativos/as como soan a guitarra eléctrica, a guitarra acústica e o saxo soprano.

Os pequenos e pequenas da escola tamén se animaron a tocar a pandeireta, o pandeiro e a pandeira e interpretaron unha cantiga con culleres e pratos da man de Yolanda, nai dunha das nenas, que tamén trouxo a súa irmá e unha amiga. Asemade, con estes mesmos instrumentos, Nerea, irmá de Anxo, tamén interpretou varias pezas. Ademais, grazas a Jacobo, primo de Enzo, os rapaces tamén puideron coñecer a fondo o baixo e o ukelele.

Por outra banda, Asma, nai de Adam, acudiu á escola para cantar varias cancións en árabe, co que os nenos e nenas puideron desfrutar de música de outras culturas, distinta á que escoitan no seu día a día. Tamén actuou a directora da escola de música Allegro T. do Milladoiro, que impartiu un taller no que conduciu aos pequenos e pequenas para que traballasen a súa voz e a música.

O mes da música de 2018, que se celebra co obxectivo de que os nenos e as nenas da Escola Infantil de A Madalena coñezan diversos instrumentos, poidan tocalos, manipulalos e afacerse aos seus sons rematou coa gran Festa do rock, que xa se converteu nunha tradición do centro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925