Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula CeMIT prepara...


A Aula CeMIT prepara varios cursos e actividades durante os meses de decembro e xaneiro

[07-12-2018] O inverno chega cargado de actividades á Aula CeMIT de Ames, que ten programadas un total de dezaseis actividades para os meses de decembro e xaneiro, entre as que se contan varios cursos para adultos, videoconferencias, talleres e actividades para os nenos e nenas. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A programación, coa que a Aula CeMIT de Ames despide o 2018 e lle dá a benvida ao 2019, comezou este luns coa videoconferencia Teléfono móbil: contratación, facturación e reclamacións, na que se falou sobre conceptos como tipos de tarifas, servizos empaquetados, permanencia, roaming ou portabilidade. Tamén se abordaron as principais reclamacións, os dereitos do consumidor e os diferentes servizos ofertados polas compañías de telecomunicación.

Esta semana tamén se impartiu o curso de Compras seguras a través de Internet, que xirou en torno ao uso do comercio electrónico dende o punto de vista de un consumidor. Para hoxe, 7 de decembro, programáronse dúas sesións de xadrez destinadas aos nenos e nenas. Unha pola mañá, de 11.00 a 12.00 horas, e outra pola tarde, de 16.30 a 18.00 horas, para practicar este xogo de estratexia.

Por outra banda, o próximo mércores, 12 de decembro, realizarase unha videoconferencia de 10.30 a 12.00 horas centrada en Youtube e como xestionar unha canle propia en dita plataforma.

En canto aos cursos destinados a un público adulto, despois de Compras seguras a través de internet, os martes e xoves, do 11 ao 20 de decembro, realizarase Aprende a buscar en Internet, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Este curso de nivel intermedio buscará sacarlle partido tanto a buscadores xerais como outros específicos para determinados usos.

Cursos para o mes de xaneiro
O mes de xaneiro comezará co curso Traballando na nube, que se impartirá os martes e xoves do 8 ao 17 de xaneiro en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, tratarase dunha acción formativa de introdución ás ferramentas que permiten traballar dende a nube. Entre o 15 e o 24 de xaneiro, entre as 10.30 e as 12.00 horas, terá lugar Manexa as apps do teu móbil, centrado en todo tipo de apps do sistema Android para ampliar o uso que facemos do smartphone.

Do 29 de xaneiro ao 7 de febreiro, de 10.30 a 12.00 horas, impartirase outro curso centrado no manexo avanzado do correo electrónico, tanto gmail como de outras alternativas, tendo en conta aspectos como filtros automáticos, etiquetas ou reenvío automático. Ciclo de empregabilidade
Tamén se realizará un ciclo formado por dous cursos, enfocado a mellorar o nivel de empregabilidade dos participantes. Así, na primeira parte, que terá lugar o martes 22 e o xoves 24 de xaneiro, veranse os diferentes tipos de currículos para entender cal se adapta mellor ás necesidades de cada un para, despois, ofrecer todo tipo de consellos e unha práctica de creación do CV.

A parte final desenvolverase o martes 29, cunha xornada adicada á busca de emprego online a través de tódolos medios dispoñibles, como é o caso de boletíns, redes sociais ou páxinas de emprego. Todas as sesións deste ciclo impartiranse en horario de 18.15 a 19.45.

Talleres de Nadal para menores
Durante o Nadal é imposible esquecerse dos máis pequenos e pequenas da casa, que contarán con diversos obradoiros para que deseñen e elaboren as súas postais para felicitar estas festas.

Así, os mércores 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar un taller no que os menores de oito anos aprenderán a manexar o rato para facer a súa propia postal de Nadal no programa Paint. Asemade, realizaranse dous talleres para aprender a animar unha postal co programa Scratch, o primeiro impartirase os xoves 27 de decembro e 3 de xaneiro destinado a menores de dez anos, mentres que os maiores de dez anos poderán participar os venres 28 e 4.

Os rapaces que queiran participar nalgún destes obradoiros, que se realizarán en horario de 10.00 a 12.00h, poderán matricularse en varios dos talleres, pero só terán preferencia nun deles. Ofimática para adolescentes
Realizarase un ciclo formado por dous cursos sobre informática para o Instituto, recomendado para rapaces e rapazas de entre 10 e 15 anos que xa posuan certas nocións á hora de usar o ordenador. Así, o primeiro curso xirará en torno a o LibreOffice Writer e desenvolverase entre o 14 e o 23 de xaneiro, luns e mércores, de 18.15 a 19.45 horas. Estará centrado na aprendizaxe das distintas funcións de Writer necesarias para facer os traballos de clase, dende o formatado básico e a inserción de imaxes ata elementos máis complexos como campos automáticos , cabeceira, rodapé ou fontwork.

A segunda parte, que se impartirá os luns e mércores do 28 de xaneiro ao 6 de febreiro no mesmo horario que o anterior, centrarase no LibreOffice Impress e xirará na creación de presentacións para o colexio, sobre como inserir toda clase de elementos e animalos para facer máis dinámica unha presentación.

Exame EMA
Nos meses de decembro e xaneiro tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, en horario de 12.00 a 13.00 horas, realizaranse estas probas o 14 de decembro e o 18 de xaneiro.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925