Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O técnico...


O técnico municipal de deportes de Ames forma aos monitores e adestradores dos clubs deportivos caboverdiano de Tarrafal

[07-12-2018] O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

O Concello de Ames e maila Cámara municipal de Tarrafal chegaron a un acordo para desenvolver un programa de cooperación internacional destinado ao persoal técnico do Concello de Ames. Neste caso, o programa consistiu na viaxe ata o municipio de Tarrafal (Cabo Verde) do técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, co obxecto de manter unha relación de cooperación durante 15 días.

Así, colaborou na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano, cun carácter social e con perspectiva de xénero. Os gastos de desprazamento foron asumidos polo Concello de Ames, mentres que dos custes de aloxamento e manutención ocupouse a Cámara municipal de Tarrafal.

Durante a súa estadía, o traballo do técnico municipal de deportes consistiu, basicamente polas mañás, un día si un día non, en impartir actividades de formación en aula, sobre diversos aspectos aos monitores e adestradores dos distintos clubs deportivos que traballaban coa base ou con equipos sénior. A formación estivo orientada ao traballo con nenos/as, planificación nas distintas etapas de formación, nocións de preparación física e prevención de lesións. Funcionamento do servizo de deportes municipal
Os días que non impartía formación interesábase por aspectos sobre o funcionamento do servizo de deportes municipal e intentaba darlle a coñecer como se poderían levar a cabo certos programas (escolas deportivas, actividade física para maiores...) que se poderían organizar nas distintas zonas, tanto rurais como máis urbanas.

Polas tardes visitaba as instalacións deportivas (campos de fútbol, pistas polideportivas...) onde se organizaban as distintas actividades de adestramento e formación dos distintos clubs deportivos de fútbol, baloncesto, balonmán, voleibol... do concello caboverdoano. Alí, levábase á práctica cos distintos equipos aspectos do adestramento que se mostraban nas clases teóricas. Todo iso en colaboración cos adestradores e monitores dos distintos equipos caboverdianos.

Asemade, o venres, 23 de novembro, viaxou desde Tarrafal á capital de Cabo Verde (Praia) para visitar o Ministro de Deportes, Fernando Elisio Freire, e explicóuselle en que consiste a colaboración e a experiencia que realizou o Concellos de Ames no Concello de Tarrafal. Ames referente no voluntariado e cooperación
Este convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo participase no ano 2016 no programa Vacacións con traballo, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte. Tras a súa participación neste programa estableceuse unha relación con este municipio caboverdiano. Así, estableceuse unha colaboración de carácter particular entre o Bertamiráns FC e o GD Varandinha de Tarrafal.

A partires de aí continuouse afondando en posibles vías de colaboración, pero desta vez dun xeito institucional e con carácter técnico. Despois de varias conversas co concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo de Tarrafal, Daniel David Soares, tívose coñecemento da súa intención de desenvolver un proxecto no ámbito deportivo, e o técnico municipal de Ames interesouse por dito proxecto.

Trátase dun programa de cooperación internacional, a través do cal se colabora no desenvolvemento de diferentes áreas, fortalecendo as capacidades do municipio caboverdiano, para planificar e xestionar actividades relativas á igualdade de xénero e políticas públicas municipais orientadas a infancia, principalmente. A duración do acordo é dun ano podendo prorrogarse ata un máximo de catro, polo que nos vindeiros anos outros/as técnicos/as do Concello de Ames poderían viaxar a Tarrafal para colaborar en proxectos de desenvolvemento. Tarrafal é un municipio con moitas semellanzas a Ames. É un concello eminentemente novo con dous núcleos de poboación diferenciados e distantes entre si.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925