Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Nadal chega...


O Nadal chega á Aula da Natureza con varios obradoiros para todas as idades

[06-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza varios obradoiros de diversa temática de Nadal para os meses de decembro e xaneiro. Ademais do tradicional taller de decoración natural, tamén se realizará un obradoiro de Showcooking: buffet de Nadal, varias sesións de preparación de galletas e o ciclo Xogando coa ciencia. Para participar nalgún destes obradoiros, é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.

Entre a trintena de actividades que se levarán a cabo en Ames durante a época de Nadal, os e as amantes da natureza de todas as idades terán ocasión de participar en diversos obradoiros sobre cociña e decoración propia desta tempada, ademais do ciclo Xogando coa ciencia, que se organiza tralo éxito do programa A ciencia divertida, realizado durante a primeira metade deste ano.

Así, realizaranse dúas quendas deste ciclo, cada unha das cales se dividirá en tres sesións individuais e diferentes destinadas a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade. A primeira quenda impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro os días 26, 27 e 28 de decembro; mentres que a segunda terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o 2, 3 e 4 de xaneiro, todas elas en horario de 16.30 a 18.00 horas.

Tamén se impartirán dúas sesións do clásico obradoiro de Decoración natural para Nadal na Aula da Natureza o vindeiro sábado, 15 de decembro. De 11.30 a 13.30h impartirase o taller adaptado para rapaces/as de 6 a 12 anos, mentres que en horario de 16.30 a 18.30 estará enfocado a adultos. Neste taller realizaranse manualidades decorativas aproveitando recursos do medio natural.

Por outra banda, impartirase tamén un bloque sobre cociña dividido por idades. Así, os adultos poderán captar ideas para a preparación dun buffet adaptado ás festas de Nadal, mentres que os máis cativos/as poderán coñecer todos os segredos da elaboración de galletas.

Obradoiro Showcooking: buffet de Nadal
O sábado 15 de decembro, o Pazo da Peregrina acollerá o obradoiro Showcooking: buffet de Nadal, destinado a un público maior de 16 anos que poderá coller ideas sobre a preparación de diversas preparacións adaptadas ao Nadal, que poden deixarse feitas o día anterior para que os cociñeiros e cociñeiras poidan desfrutar das celebracións cos seus convidados. A xornada, que comezará ás 18.00h, tamén incorporará a degustación das elaboracións.

Os días 26 e 27 realizarase o obradoiro de Cociña de Nadal: obradoiro de galletas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 18.30 a 20.30 horas, para rapaces e rapazas de 7 a 12 anos. Esta actividade tamén se fará na Casa da Cultura do Milladoiro o día 2 de xaneiro, mentres que o 3 terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ambos de 11.30 a 13.30 horas.

Para participar nunha ou en varias destas actividades é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes do 18 de decembro. No caso de anotarse nos obradoiros de Decoración natural para Nadal e Cociña de Nadal. Showcooking: buffet de Nadal, será necesario a inscrición deberá realizarse antes do 14 de decembro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925