Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Preséntase a...


Preséntase a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantarán outras 4.000 árbores para frear o lume

[09-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, presentou esta mañá a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Por terceiro ano consecutivo ofréceselle aos veciños e veciñas a posibilidade de acollerse ao plan de plantación de frondosas caducifolias. Deste xeito, nesta terceira fase, o Concello podería chegar a plantar ata 4.000 árbores nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuarase nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela).

A terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto posta en marcha en 2016 e que tivo continuidade no período outono/inverno 2017-2018. O goberno municipal, xunto cos técnicos municipais, determinaron que nesta terceira fase rematarase a actuación, que comezou no período 2017-2018, do ámbito 04, dividido en dúas partes 04A e 04B. Nesta ocasión actuarase no monte de Outeiro e Pena Amarela, así como no ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado.

Nesta fase vanse plantar unhas 4.000 árbores frondosas nunha superficie aproximada de 12 hectáreas de 523 fincas (469 rústicas e 54 urbanas). Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

A presentación da terceira fase deste plan, que xa é un referente en toda Galicia, correu a cargo do concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, e das técnicas do departamento, Patricia Reboreda e Mariví Arufe. Tamén asistiu o persoal da brigada Aprol, que está reforzando o traballo realizado a través do Plan de prevención de incendios forestais. Os membros da brigada de repoboación forestal non puideron asistir porque estiveron nun curso formativo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destacou que “a principal novidade desta terceira fase é que se amplían de 30 a 50 metros as faixas de seguridade, nas que hai que realizar unha xestión de biomasa. Isto o que implica é unha maior carga de traballo, xa que nas dúas anteriores fases actuouse en faixas de 30 metros e agora hai que facelo en faixas de 50 metros, debido á modificación da lei de incendios. Deste xeito, seguimos dando cumprimento ao obxectivo de poñer en valor o terreo que non é explotable forestalmente, nas faixas de seguridade, coa plantación de árbores froiteiras. Ao mesmo tempo pretendemos conseguir beneficios medioambientais coa mellora da diversidade, realizar un control do monte baixo e aproveitar as faixas de seguridade para que o monte teña un uso social e veciñal”.

Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.

A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 42.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 16.000 euros. En total, o Concello destinará 58.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

Procedemento de participación
Os propietarios de fincas, afectadas polas faixas secundarias de xestión biomasa dos ámbitos priorizados nesta anualidade, recibirán unha convocatoria para asistir a unha reunión informativa. Aqueles que non poidan acudir facilitarase un teléfono de información. Os veciños/as interesados/as terán que presentar unha solicitude, para adherise a dito plan de prevención de incendios mediante a plantación de frondosas caducifolias.

Posteriormente, o persoal da brigada de repoboación forestal contactará con todas os veciños/as solicitantes, visitará e medirá as súas fincas, e elaborara un plan de plantación para as mesmas. Finalmente, presentaráselle ao propietario/a. Se o veciño ou veciña está de acordo con dito plan de plantación, confirmarase a adhesión ao plan, solicitándolle ao Concello unha subvención dun 80% de todos os traballos de plantación e planta. Actuouse en 76.404 metros cadrados plantando 2.385 plantas
Na primeira fase actuouse sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias ás 37 adhesións ao plan que se asinaron entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixa un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.

As plantación realizadas no inverno de 2018, que están sendo avaliadas nestes primeiros días de traballo da brigada, parece que tiveron un bo enraizamento e as plantas contan cun bo vigor. Hai que destacar que nesta terceira fase do plan, ademais, de aumentar a superficie de actuación, increméntase o traballo a realizar xa que neste momento estase facendo a revisión de marras, árbores enfermos, podas, eliminación de rebrotes de eucaliptos, piñeiros e acacias, nun total de 130 fincas ao tempo que se establece contacto cos propietarios dos novos ámbitos de actuación.

Por outra banda, na segunda fase rematouse o ámbito 18 de Piñeiro (iniciado en 2016) e actuouse no ámbito 27 de Piñeiro, así como nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova, que comprenden parte da urbanización de Aldea Nova e as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. Actuouse en 76 fincas, cunha superficie total de 57.030 metros cadrados, nas que se plantaron 1.570 (1.206 castiñeiro, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 radairos, 36 bidueiros e 9 noceiras), grazas ás 76 adhesións ao plan asinadas con 44 propietario implicados.

Incremento da primeira á segunda fase
Cómpre destacar o incremento experimentado da primeira á segunda fase deste programa. Así, atendendo aos número citados aumentou nun 105% o número de fincas plantadas e o número de convenios asinados; nun 33% o número de propietarios/as implicados/as; nun 194% a superficie total de actuación; e nun 92% o número de plantas plantadas.

Para o goberno municipal este plan de prevención de incendios forestais é prioritario, e de aí que se lle estea dando prioridade na estrutura municipal. Con estas accións o Concello busca actuar fronte ao lume dun xeito preventivo, facilitar o cumprimento da lei de incendios aos veciños e veciñas, así como apostar por un modelo de concello sustentable e medioambientalmente implicado na conservación e recuperación de hábitats. Trátase dun traballo a longo prazo que deberá ter continuidade ata rematar a plantación nos 59 ámbitos dos núcleos do rural, así como nos 54 ámbitos de vivendas illadas, segundo a revisión de faixas secundarias e adecuación as modificacións establecidas na Lei 3/2007.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925