Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula da Natureza...


A Aula da Natureza realiza este sábado, 10 de novembro, a súa segunda saída micolóxica do outono

[07-11-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza para este sábado, 10 de novembro, a segunda saída micolóxica das tres programadas para este outono. A saída comezará ás 11.00 horas, e será dirixida pola experta en micoloxía, Sira López, co obxectivo de achegar o mundo dos cogomelos á veciñanza amesá. Para participar nesta actividade, que conta con un número limitado de prazas, é necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste venres enviando o impreso de inscrición, que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova, ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Seguindo co ciclo micolóxico organizado para este outono pola Aula da Natureza de Ames, este sábado realizarase a segunda saída micolóxica da tempada. Así, a experta en micoloxía, Sira López, achegará o mundo dos cogomelos aos asistentes, que poderán iniciarse ou asentar os seus coñecementos para o recoñecemento e identificación das distintas especies.

Debido á previsión de chuvia para esta fin de semana, a saída terá lugar polas carballeiras, prados e a ribeira do lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda (polos arredores do edificio da Aula da Natureza) o que facilitará que a xornada transcorra con maior comodidade. Das 11.00 ás 17.30h, os participantes poderán ver, identificar e clasificar o maior número de exemplares posible, facendo unha parada para comer. Casa participante terá que levar a súa comida da casa. Tanto para o traxecto de ida como de volta, habilitarase un autobús que conecte O Milladoiro e Bertamiráns coa Aula da Natureza.

Así, se ben a xornada comezará ás 11.00h, un autobús saíra ás 10.30h da Casa da Cultura do Milladoiro, e pasará pola praza do Concello de Bertamiráns 15 minutos despois, con destino á Aula da Natureza. Xa pola tarde, outro autobús sairá da Aula da Natureza ás 17.30h para deixar aos participantes en ambas localidades.

Cada saída micolóxica conta con 45 prazas dispoñibles, polo que é preciso anotarse previamente, enviando o formulario de inscrición –que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova– ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este venres, 9 de novembro, ás 14:00 horas.

Para obter máis información sobre esta ou a seguinte xornada micolóxica, que non conta con data fixada, pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925