Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Feiraco...


Feiraco entrégalle unha medalla de recoñecemento ao Concello de Ames no acto de celebración do 50 aniversario

[23-10-2018] A Capela Real do Hostal dous Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu onte a celebración do 50 aniversario de Feiraco, integrada recentemente en CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), que quixo festexar cun evento conmemorativo o seu medio século liderando o sector lácteo galego desde o cooperativismo. Durante o evento fíxose entrega de recoñecementos a diferentes institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco desde as súas diferentes áreas de influencia. Deste xeito, entregóuselle unha medalla ao Concello de Ames pola súa colaboración continuada con Feiraco, desde a implantación do complexo fabril en Ponte Maceira, para o bo fin das súas actividades. A primeira tenente de alcalde e alcaldesa por delegación, Genma Otero, foi a encargada de recibir dita medalla.

En representación do Concello de Ames asistiron a dito acto a primeira tenente de alcalde e alcaldesa por delegación, Genma Otero, e maila concelleira de promoción económica e Turismo, Isabel González. Genma Otero recibiu a medalla de recoñecemento ao Concello de Ames de mans do delegado do goberno en Galicia, Javier Losada. Esta medalla foille entregada ao Concello de Ames pola súa colaboración continuada con Feiraco, desde a implantación do complexo fabril en Ponte Maceira, para o bo fin das súas actividades.

A primeira tenente de alcalde, Genma Otero, incidiu en que “esta cooperativa constitúe un exemplo de iniciativa asociativa modelo dentro do sector lácteo do noso país sendo referente neste sector. Todas somos coñecedoras da crise que afectou e afecta ao noso sector primario e en concreto ao sector lácteo, máis Feiraco amosou que a forza da unión das gandeiras/os, o tecido asociativo e as fórmulas de traballo colectivas que xuntan esforzos fan que esta crise teña menor impacto que noutras empresas do sector. E é por iso que o noso orgullo aínda é maior. Unha iniciativa veciñal que partiu da asociación de 400 gandeiros do Val de Barcala conseguiu consolidar un proxecto único, traballando e dándolle pulo ao sector agrario galego e visibilizando ao noso rural, cun número de socios importante que se achega xa a 2.000 persoas e cunha produción en orixe de 150.000 toneladas. O Concello de Ames seguirá apoiando a esta cooperativa e traballando da man para que siga sendo ese referente do que estamos tan orgullosas”.

Asemade, outras institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco, desde as súas diferentes áreas de influencia, tamén recibiron dita distinción. Así, o Concello de Negreira recibiu unha medalla por acoller as primeiras reunións e asemblea constituínte, a primeira sede, e dispensar á cooperativa e ao seu presidente fundador todo o seu apoio e recoñecemento público. Tamén se lle entregou á Cooperativa Tapia, pola súa pertenza desde a fundación e a entrega continuada de leite durante cincuenta anos; á Universidade de Santiago de Compostela, que a través dos seus organismos, o Consello Social, o Idega, o premio García Calvo, a Aula Láctea, o Feuga, e outros grupos de investigación, foi colaboradora esencial no desenvolvemento estratéxico de Feiraco; e á Cooperativa Agroalimentarias de España, polo seu papel primordial no desenvolvemento do cooperativismo agrario en España.

No que respecta ás persoas galardoadas, recoñeceuse a Celsa Pena Fajín, socia fundadora, pola súa fidelidade coa cooperativa á que leva entregando o leite da súa explotación láctea desde a súa fundación; a Maximino Viaño, como socio fundador, primeiro secretario e membro do primeiro Consello Reitor da cooperativa, impulsor dos sectores lácteo e cárnico de Galicia; a Julio Barbazán, socio fundador e membro do primeiro Consello Reitor; a Jesús Capeáns Carballo, vicepresidente do Consello Reitor e firme apoio do fundador Jesús García Calvo durante a súa permanencia de máis de tres décadas no Consello, a Manuel Mariño, como primeiro traballador da cooperativa, pola súa lealdade e dedicación continuada; a José Luís Antuña Álvarez, durante doce anos director xeneral de Feiraco, artífice do seu plan de viabilidade, do plan estratéxico da cooperativa, da creación de Acolat e da integración en CLUN, e a José Montes Pérez, impulsor de Feiraco desde a súa fundación en 1968 e actual presidente, fío condutor entre o pasado e o presente.

Feiraco tamén concedeu a súa medalla conmemorativa a Darío Villanueva, quen non puido acudir ao acto de entrega, polo seu impulso estratéxico á relación Feiraco-Universidade de Santiago de Compostela na súa etapa como reitor desta institución. No transcurso do acto de aniversario, proxectouse o audiovisual “Feiraco, 50 anos liderando o lácteo galego”, que permitiu resumir en clave histórica os fitos máis destacados da historia da cooperativa.

O presidente de Feiraco, José Montes, destacou, durante o transcurso do acto, “Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria. Hoxe CLUN recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando ao escenario mundial e representa o maior proxecto agrogandeiro galego e un dos principais de España. Aquel que soñara o grupo de 400 gandeiros da comarca coruñesa de Barcala, encabezados polo xurista e intelectual agrarista, Jesús García Calvo, 50 anos atrás. As 10.000 familias que acolleu Feiraco neste medio século e os 3.500 socios actuais suman agora forzas, ilusión e traballo con Os Irmandiños e Melisanto para escribir o futuro de CLUN”.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925