Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Centro Deportivo...


O Centro Deportivo Municipal da Telleira amplía as súas instalacións con novas salas de fitness e para outras actividades

[19-10-2018] Esta mañá membros do goberno municipal e mailo voceiro do grupo municipal Ames Novo, visitaron as instalacións do Centro Deportivo Municipal da Telleira para ver as novas instalacións, despois de tres meses de obras de ampliación e reformas dos espazos existentes. Deste xeito, dito Centro deportivo conta cunha nova sala de fitness, novas salas de actividades, unha nova área de xogos infantil e novo sistema de reserva de actividades. Os representantes municipais estiveron acompañados do Director Xeral de BeOne-Serviocio, Roberto Ramos, do director do Centro de Ames, Carlos Amado, e doutros representantes de dita entidade.

O novo complexo deportivo conta dende este luns, 15 de outubro, cunha sala fitness totalmente renovada de 200 metros cadrados e con nova maquinaria fitness de última xeración. Deste xeito, pasa a ter 4 salas de actividades dirixidas: unha polivalente, unha para ciclo indoor, unha para adestramentos funcionais e outra para actividades brandas. Ademais, conta cunha nova zona de xogos infantís que permitirá aos pais e nais gozar do seu deporte preferido mentres os seus fillos o pasan en grande. A todo isto hai que sumarlle a piscina e a sauna que xa existían antes da reforma.

Tras tres meses de obras de ampliación e reformas dos espazos existentes, esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, achegáronse ata este lugar para ver as novas instalacións executadas. Os representantes municipais estiveron acompañados do Director Xeral de BeOne-Serviocio, Roberto Ramos, do director do Centro de Ames, Carlos Amado, e doutros representantes de dita entidade.

Xornadas de portas abertas

Para dar a coñecer as devanditas instalacións o Centro Deportivo Municipal BeOne A Telleira celebra ata o vindeiro 24 de outubro unha semana de portas abertas dirixidas a todos os veciños e veciñas de Ames, co obxectivo de que poidan probar o novo equipamento e as novas instalacións. Ao longo de sete días o devandito centro deportivo está acollendo unha programación especial de actividades.

Durante as xornadas de portas abertas, o Centro, sumadas ás actividades diarias, está impartindo master class especiais de ioga, Body Combat ou Zumba para mostrarlles aos máis escépticos o divertido ou relaxante que pode chegar a ser a actividade física. Tamén conta con actividades especiais para nenos/as e moitas máis sorpresas. Pódese consultar a axenda completa de actividades na páxina de Facebook da instalación.

Custo das obras de ampliación

A ampliación realizada encádrase dentro da prórroga contractual de servizos por parte da empresa co Concello de Ames e que foi aprobada a comezos do presente ano. O importe da obra ascendeu aos 321.103,75 euros.

O horario de inverno da Telleira é, de luns a venres, de 07:30 a 23:00 horas. Os sábados o centro abre de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Os domingos e festivos o horario de apertura vai de 09:00 a 14:00 horas. Para obter máis información sobre a oferta do centro e os prezos pódese chamar ao teléfono 981 891 081 ou enviar un correo electrónico ao enderezo atelleira@beone.es

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925