Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Execútanse as...


Execútanse as obra para arranxar a urbanización do PM5-03 que se atopa entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande do Milladoiro

[20-10-2018] A semana pasada comezaron as obras para arranxar a urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Deste xeito, trátase de regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. Dita obra foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 231.665,93 euros. O arquitecto que redactou o proxecto das obras que se están executando, David Fernández, encárgase tamén da dirección de obra e de coordinar os traballos de seguridade e saúde. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitou esta semana, xunto co responsable da obra, ditos traballos para comprobar o grao de execución.

O proxecto de construción de ditos bloques de vivendas foi aprobado no ano 2003. Posteriormente, en 2005 os promotores da obra solicitaron a súa recepción, pero as obras non foran executadas tal e como marcaba o proxecto, polo que se lle requiriu á empresa promotora que realizaran as obras necesarias para adaptar os bloques de vivendas ao que marcaba o proxecto. A pesar de executar estas obras continuou sen adaptarse ao proxecto, polo que o Concello fixo unha incautación de avais por valor de 532.000 euros. A empresa promotora denunciou ao Concello e en 2011 saíu a sentenza que foi favorable ao intereses da Administración local.

En 2015 coa entrada do actual goberno realizáronse varias reunións cos veciños/as deste lugar para tratar de resolver unha situación que leva estando de xeito irregular dende hai máis de 10 anos. Dito sector está plenamente desenvolvido tanto a nivel de edificación como de urbanización, pero presenta diversas deficiencias, sendo unha delas o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade. Así as obras que hai que executar para paliar ditas deficiencias consisten na remodelación dunha ampla zona verde pública xunto cos seus accesos e superficies adxacentes de uso público.

No pleno ordinario de setembro de 2017 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Posteriormente, a comezos do pasado mes de novembro o goberno municipal presentoulle o devandito proxecto á veciñanza de dita urbanización. De seguido, iniciouse un proceso de licitación para adxudicar as devanditas obras.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a través deste proxecto vaise a recuperar unha importante zona verde que poderá ser usada pola veciñanza do Milladoiro. Vanse a realizar diversas obras para eliminar as barreiras arquitectónicas que limitan o acceso a dito espazo, e ademais, vanse a construír diversas plataformas con ramplas como puntos de acceso”.

Blas García visitou esta semana, xunto co responsable da obra, ditos traballos para comprobar o grao de execución. A vindeira semana farase unha nova visita co director de obra e coa arquitecta municipal. O arranxo deste espazo vai a servir como enlace peonil entre a zona baixa e a zona alta do Milladoiro, co obxectivo de realizar unha senda que comunique a rúa do Rego con Agro do Medio e chegue ata a Travesía do Porto.

Cumprimento da obriga de accesibilidade

A remodelación que se está executamndo supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros. Estes bloques de vivenda (unhas 200 vivendas) están sen recibir por parte do Concello e polo tanto as vivendas non contan con licenza de primeira ocupación. Trátase de arranxar unha vella reclamación da veciñanza deste lugar do Milladoiro.

A través das obras, iniciadas a semana pasada, preténdese abrir os espazos verdes que están pechados polos bloques de vivendas que lindas coas rúas Costa Grande e Figueiras, así como coas Travesías Rosalía de Castro e da Moa. Esta zona está sen recibir por parte do Concello de Ames xa que os accesos a ditos espazos públicos non cumpren a normativa vixente ao non ser accesible.

O obxectivo é anchear os accesos existentes e crear tres plataformas de acceso con ramplas que cumpran a normativa. Ademais, haberá que reconfigurar a rede de pluviais, sacar as luminarias e volver a colocalas, etc. O obxectivo é converter este espazo público nunha praza accesible e de cara ao futuro dotalo dos elementos de mobiliario urbano necesarios.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925