Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A programación...


A programación de outono chega cargada de teatro, cinema, maxia, actividades deportivas e numerosos obradoiros

[10-10-2018] A nova estación chega ao concello de Ames con unha programación cultural cargada de eventos, obradoiros e teatro. Ao longo de outubro, novembro e decembro, Ames acollerá espectáculos de teatro, un certame de cinema infantil, actividades deportivas, varios obradoiros e un festival de maxia. A sesión de contacontos “1, 2, 3... empezan os contos xa!” foi a encargada de dar comezo á programación outonal, que este ano inclúe máis de cincuenta actividades.

O último trimestre deste 2018 preséntase cargado de eventos culturais. Se ben a programación comezou os días 3 e 4 de outubro coa sesión de contacontos “1, 2, 3... empezan os contos xa!” nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns, tamén tiveron lugar ao abeiro deste programa o obradoiro de música e baile “A bailar con Pesdelán” e a obra teatral “Bicos con lingua”. Asemade, o próximo destes eventos será a Foliada con Apego, que se celebra hoxe no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18.00 horas, unha actividade dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, na que se busca construír un espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas.

Non obstante, aínda queda moito outono por diante, no que se poderá escoller entre máis de corenta e cinco actividades distintas.

Festival Boom Clap

O sábado 20 de outubro, terá lugar na área deportiva da Travesía do Porto do Milladoiro o festival Boom Clap. Ao longo de todo o sábado, realizaranse diversas actividades como grafite e diferentes obradoiros participativos para a mocidade. Todo elo para achegar a cultura urbana a toda a veciñanza amesá, con independencia de súa idade.

Actividades deportivas e na natureza
Dentro do programa “Variedade é Vida”, organizado pola Aula da Natureza, realizaranse diversas acampadas e saídas para achegar aos nenos e nenas amesás ao ámbito natural. Así, as primeiras actividades que se realizarán ao abeiro desta iniciativa serán as acampadas Vida nocturna. A noite do 19 ao 20 de outubro, nenos e nenas de entre 8 e 12 anos realizarán unha ruta polo monte San Marcos, durante a que rastrexarán a fauna nocturna do lugar; mentres que a acampada da noite do 26 ao 27 de outubro, orientada a xoves de entre 12 e 16 anos, afondará na aventura espartana, e nos seus mitos e lendas.

Dentro deste mesmo programa de VéV, durante o mes de novembro tamén se realizarán as saídas temáticas “Vida nas covas” os días 3 e 4, nas que se visitarán as covas das Choias e a do Rei Cintolo; “Vida no monte” o domingo 11, na que se gozará de Ponte Arados sobre o lombo dos cabalos; e “Vida no aire”, na que se realizará unha saída ornitolóxica ao espazo natural do encoro Abegondo-Cecebre o domingo 18.

Asemade, tamén se realizarán unha serie de saídas micolóxicas dirixidas por Sira López, co obxectivo de achegar o mundo dos cogomelos á veciñanza amesá. Por agora están fixadas as saídas do 21 de outubro e do 10 de novembro, aínda que se ten previsto celebrar unha terceira.

O domingo 21 de outubro tamén se realizará a XIX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que este ano está apadriñada polo atleta Pedro Nimo. O circuíto, que comezará na Praza do Concello de Bertamiráns ás 10.30 horas, terá un percorrido de 200 metros ata os 10 quilómetros, e haberá un total de 18 categorías.

Á semana seguinte, o domingo 28 de outubro, a Aula da Natureza tamén organizará a saída “Nenos no bosque, casiñas para trasnos”, durante a que cativos e cativas de entre dous e seis anos poderán pasear e facer amigos mentres aprenden sobre a natureza.

Festival de Maxia

Durante a última fin de semana de outubro, os días 26, 27 e 28, terá lugar a decimoterceira edición do Festival de Maxia de Ames. Celebrarase, da man de Abarajar Producciones, en diversos puntos do concello, como as Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, a praza de Chavián ou o aparcadoiro da Travesía do Porto do Milladoiro.

O programa está composto por un espectáculo infantil de maxia o venres, a cargo de Luigi Ludus, e dous obradoiros que impartirán Roberto Lolo e Pedro Bugarín o sábado e domingo nas casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro respectivamente. Ademais, o sábado tamén actuará o Mago Antón co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”, e terá lugar a Gala Máxica Internacional, presentada por Dani Polo. Oferta teatral e musical
O 19 de outubro representarase na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas o espectáculo musical “Concerto singular”, do grupo Píscore. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, Producións Teatráis Excentricas chegan á Casa da Cultura de Bertamiráns coa pezaCranios privilexiados ou crítica da razón perralleira”, un diálogo filosófico protagonizado polas coñecidas personaxes Mofa e Befa.

Por outra banda, a programación teatral de novembro comeza o día 9, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, coa obra “Gaia”, que tentará achegar aos espectadores a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente. Ás 21.00 h, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a peza de teatro afeccionado “2010”, que arranca cun acontecemento ocorrido nese ano, e que se converterá no detonante de todo o que ocorra sobre o escenario.

O sábado 17 celebrarase, ás 19.00 horas, o concerto de Santa Icía na Casa da Cultura do Milladoiro. Nel actuarán a Coral Arumes do Castro de Cerdido, Pandereteiras da Costaneira e a Coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido. Ó día seguinte, o Grupo Municipal de Teatro de Ames instalarase na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde a partir das 19.00 horas representará “O velorio de Xan de Outeiro”, unha comedia negra que xira arredor da personaxe dun narcotraficante da Galicia profunda.

A obra “A galiña azul”, da compañía de monicreques Tanxarina, presentaranos, na Casa da Cultura de Bertamiráns o 23 de novembro, ás 18.00 horas, unha historia baseada no conto homónimo de Carlos Casares, que mistura monicreques e actores. O público adulto, sen embargo, poderá asistir ese mesmo día á representación de “Invisibles” na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21.00 horas, baseada na novela homónima de Montse Fajardo e adaptada pola compañía Redrum Teatro.

Pola súa banda, o 24 na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 12.00 horas, os cativos e cativas poderán gozar dunha nova aventura de Alí da man de Luís Prego e Fabaloba, chea de contos, xogos e cancións.

Para rematar o mes, o 30 de novembro a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a partir das 18.00 horas o espectáculo “Mar adiante”, unha historia cargada de xogos clownescos de persecucións, golpes e caídas.

Asemade, a programación seguirá en decembro coa obra “Puño puñete”, de Baobab Teatro, un espectáculo de música en directo, cantigas e contos de tradición oral do que se poderá gozar o venres 14, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O 26 de decembro, ás 17.00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a peza de teatro musical “O mundo máxico de Pinocho”, de Educateatro Producións, durante a que o Grilo Pepín acompañaraá aos máis pequenos a través da historia de Pinocho.

Cinema Crianza

A segunda edición do festival Cinema Crianza celebrarase os días 16, 17 e 18 de novembro. As proxeccións terán lugar tanto nos auditorios da Casa da Cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro. Os filmes incluirán diferentes xéneros como a animación, a ficción e o documental e estarán orientados aos diferentes rangos de idade.

Este proxecto naceu o pasado ano como primeiro festival internacional de cinema infantil, co obxectivo de reivindicar o audiovisual como ferramenta pedagóxica ao tempo que busca promover o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribuír á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

Contacontos e Foliada con Apego

A programación de outono tamén incorpora, un ano máis, varias sesións de Contacontos nas bibliotecas, que terán lugar sempre nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns a partir das 17:30 h, con títulos e temáticas que irán variando. Esta actividade está dirixida a familias con crianzas entre os 3 e os 8 anos.

Así, os días 17 de 18 de outubro a sesión de contacontos levará o título “MMM...contos para lamber os dedos”, mentres que a do 30 e 31 chamarase “Quen está no galiñeiro?”.

No mes de novembro, celebraranse as sesións “Comemos ou contamos?” os días 14 e 15, e “Contos xeitOSOS” os mércores 28 e 29. Do mesmo xeito, e para rematar o ano, os nenos e nenas poderán escoitar o conto “Que ben sabe esta lúa!”, os días 12 e 13 de decembro.

Asemade, para completar estas sesións de contacontos, realizaranse nas bibliotecas dous obradoiros. No primeiro, que se realizará o venres 26, en horario de 17.30 a 19.00, e o sábado 27 de outubro, entre as 11.30 e as 13.00 horas, os alumnos/as de terceiro a sexto de primaria poderán gozar do deseño de bolsas de lectura baixo as ensinanzas de O faiado de Nin. O que se celebrará o martes 18 e o mércores 19 de decembro, consistirá en realizar e deseñar felicitacións para estas festas.

Este mesmo mes realizarase tamén a tradicional Foliada de Nadal, con Pablo Díaz e Olga Kirk. Un encontro para coñecerse, compartir, cantar, bailar e ir aprendendo unha chea de cantos. Será o venres día 28, ás 17:00h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Multitude de obradoiros
Por outra banda, o outono tamén ven cargado de obradoiros. O primeiro en impartirse será Debullando versos, os obradoiros de regueifa miúda impartidos por Alba María en catro sesións entre o mércores 24, no local social de Jupemi, e o martes 30 de outubro no local social de Bugallido.

Do 15 ao 31 de outubro, poñerase en marcha un obradoiro gratuíto de aproveitamento das plataformas dixitais Facebook e Instagram, dirixido a clubs e escolas deportivas. Do mesmo xeito, entre o 10 de novembro e o 15 de decembro, a escritora María Lado e o poeta Carlos Negro impartirán dous obradoiros de creación literaria, a través dos que buscarán achegar aos participantes o mundo da lectura, a escritura e a poesía.

Asemade, a Aula da Natureza tamén impartira os obradoiros Elaboración de esencias e perfumes, o 17 de novembro ás 11.00 horas, e Agasallos naturais, que se realizará o 1 de decembro ás 19.30 horas.

Na Casa da Cultura do Milladoiro realizaranse, no mes de novembro, o curso de dinamización de eventos infantís o día 24, e un obradoiro de marca persoal entre o luns 26 ao xoves 29. Mentres que na Aula Cemit da Casa da Cultura de Bertamiráns impartirase un taller sobre marketing dixital os días 10, 12 e 14 de decembro.

O sábado 24 e o domingo 25 de decembro, Lola Tourón impartirá un obradoiro de cestería, durante o que os e as participantes poderán realizar un bolso de palla.

Desata a lingua!”: concurso radiofónico de teatro lido
Un ano máis, o Concello organiza o concurso radiofónico de teatro lido de Ames. Dirixido ao alumnado do concello matriculado en calquera dos cursos da ESO, o concurso non limita a escolla das temáticas, aínda que si valora que estean relacionadas con temas de actualidade. A participación poderá ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. Os premios, pola súa parte, serán outorgados conforme as votacións do público.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925