Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A escritora...


A escritora María Lado e o poeta Carlos Negro impartirán en Ames cadanseu obradoiro de escrita creativa

[10-10-2018] A iniciativa Escola de Escritoræs da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega chega a Ames da man da Concellaría de Normalización Lingüística. A través deste programa, a escritora María Lado e o poeta Carlos Negro impartirán dous obradoiros, a través dos que se pretende achegar aos e ás participantes ao mundo da lectura e da creación literaria. Para inscribirse nalgún destes talleres, que se realizarán entre o 10 de novembro e o 15 de decembro, só hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que figuren nome e apelidos, teléfono de contacto, idade do/a participante e obradoiro escollido.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza para novembro e decembro dous obradoiros gratuítos impartidos pola escritora María Lado e polo poeta Carlos Negro, ambos os dous escritores modernos, actuais e rupturistas e autores de obras frescas que lle achegan a poesía a todos os públicos e que concectan moi ben co público xuvenil.

Estas actividades comezan o sábado 10 de novembro con Mastervers petiscos poéticos, un obradoiro de escrita creativa no que se pretende que os participantes poñan en palabras aquilo que xurda da súa imaxinación e intuición. Impartido polo profesor e poeta Carlos Negro, realizarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns os sábados 10, 17, e 24 de novembro, e o 1 de decembro, en horario de 11.30 a 13.30 horas.

Por outra banda, os sábados 17, 24 (novembro),1 e 15 (decembro) levarase a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro conducido pola escritora María Lado, que se desenvolverá tamén das 11.30 ás 13.30 horas. A través desta actividade, que leva por título A literatura pode cambiar (un pouco) as nosas vidas, a artista achegará aos e ás participantes ao mundo da literatura, tanto á lectura como á escritura, dun xeito creativo e lúdico.

Ambas as iniciativas, dirixidas a maiores de 15 anos, encádranse dentro da iniciativa Escola de Escritoras e Escritores, a través da que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) percorre concellos de toda Galicia impartindo obradoiros con diversos formatos e destinatarios nos que se abordan distintos contidos e xéneros literarios. Os propios escritores/as son os encargados de achegar aos e ás participantes a un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces ao tempo que teñen como obxectivo concienciar do importante que é a estimulación creativa da escritura.

É preciso inscribirse
As dúas actividades contan con 20 prazas cada unha, que serán asignadas por orde de inscrición. Para inscribirse será necesario enviar, antes do 8 de novembro, un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que aparezan nome e apelidos, teléfono de contacto, idade e o nome do obradoiro no que se quere participar. A realización das actividades queda suxeitas a que a participación sexa, polo menos, de 10 persoas por obradoiro.

María Lado comezou a escribir coa xente do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado varios libros individuais: A primeira visión, Casa atlántica, Berlín, Nove, Amantes... Nos últimos anos achegouse ao público infantil con obras como obras como Oso, mamá, si; Porque Cuqui non quere ir á lavadora; Libro de poemas para crianzas en 5 minutos. Lado é autora tamén dunha novela para público xuvenil Entre os dous hai un río.

Desde o ano 2005, coa poeta Lucía Aldao, participa en recitais escénicos baixo o nome Aldaolado.

Carlos Negro é profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Bertamiráns, autor de textos poéticos como As Laranxas de Alí Babá, Far-west, Héleris, Cultivos Transxénicos, Makinaria, Penúltimas Tendencias ou Tundra. Este ano recibiu o premio dos Clubs de Lectura 2018 e gañou o Jules Verne de literatura xuvenil con Aplicación instantánea.

Colabora habitualmente con diferentes programas do Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística como poden ser o Certame Literario ou as actividades encadradas no Mes de Rosalía. O curso pasado foi o profesor coordinador do equipo do IES de Ames gañador do Club de Debate.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925