Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal reúnese coa presidenta da asociación Anxiños para avanzar na tramitación administrativa da Escola – fogar que van a crear en Ames

[10-10-2018] O alcalde de Ames, Jose Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación Anxiños. A presidenta de dita asociación, Ruth Gómez, presentoulle o proxecto ao Concello que consiste na atención de nenos/as adolescentes con trastornos graves. O seu obxectivo é promover a sensibilización social dos nenos e adolescentes con enfermidades mentais e das súas familias. Este mércores, 10 de outubro, conmemorase o Día mundial da saúde mental. Deste xeito, o Concello de Ames pretende colaborar con dita asociación na mellora das persoas con problemas de saúde mental.

A presidenta da asociación Anxiños, Ruth Gómez, presentoulle ao goberno o proxecto que van a desenvolver en Ames. Esta entidade chegou a un acordo co Arcebispado de Santiago para que lle cedan a casa reitoral de Santo Tomé de Ames para darlle un uso sociosanitario. O inmoble necesita unha reforma para adaptalo ao novo uso. Unha vez que estes traballos estean terminados, o edificio destinarase ao aloxamento de menores e tamén servirá como un lugar de apoio ás familias.

Desde o goberno municipal trasladáronlle á presidenta da asociación a total colaboración do Concello, tanto presente como futura, e na liña que se mantén con outros entes sociais, na que o executivo amesán quere apoiar con axudas pola labor que desempeñan. O goberno municipal destaca a función social e persoal que esta asociación está a desenvolver cunha implicación directa da súa presidenta. Sobre o proxecto de Ames o goberno amosou o seu compromiso de facilitar todos os trámites administrativos necesarios e así concretouse unha xuntanza con responsables técnicos de cara a avanzar nesta tramitación.

Os principais fin sociais de dita asociación son: promover a recuperación integral, a mellora e a calidade da asistencia dos nenos e adolescentes con trastornos mentais graves e proporcionar apoio aos pais e familiares; a sensibilización social dos nenos e adolescentes con enfermidades mentais e das súas familias; unificar e coordinar a acción con outras organizacións que perseguen os mesmos fins coa intención de crear unha forza integral para a defensa dos seus obxectivos; desenvolver unha constante e eficaz información para agrupar a todos os familiares e aos nenos e adolescentes con enfermidades mentais, co fin de integrar nun foro común a todo o colectivo; promover a información e intercambio de experiencias con asociacións semellantes; e maila protección dos nenos adolescentes con enfermidades mentais.

Obxectivos da asociación Anxiños
Para acadar ditos fins teñen o obxectivo de crear unha Escola – fogar, que é o que están facendo en Ames; fomentar o desenvolvemento integral e individualizado dos nenos e adolescentes con trastornos psiquiátricos tendo en conta o ámbito persoal, académico e terapéutico; favorecer a integración familiar, escolar e social dos nenos e adolescentes con trastornos psiquiátricos; e proporcionar asesoramento e orientación familiar.

O goberno municipal destaca a labor de Anxiños, no senso de que aínda hai moito descoñecemento desta problemática. Dende o intre en que a un neno/a se lle diagnostica unha enfermidade psiquiátrica grave, necesita axuda no seu seu desenvolvemento persoal, familiar, académico, laboral etc., por iso é necesario este tipo de proxectos que favorecen a súa integración e recuperación recibindo unha terapia personalizada e servindo de ponte, ou de paso intermedio despois de ser derivados da unidade de infanto-xuvenil, e antes de regresar aos seus domicilios facendo que esa transición sexa máis doada.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925