Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A próxima...


A próxima charla do programa “Falemos de saúde” xirará en torno á prevención da perda de memoria

[09-10-2018] O local de JUPEMI, situado no Milladoiro, acollerá este mércores, 10 de outubro, unha nova charla do programa municipal “Falemos de Saúde”. Nesta ocasión o obradoiro, que comezará as 17.30 horas, será impartido pola enfermeira María Rey, que afondará na perda da memoria e nas causas e síntomas máis frecuentes, ao tempo que facilitará aos asistentes algúns exercicios para a súa prevención.

Ao abeiro da nova edición do programa “Falemos de Saúde”, inaugurada o pasado 9 de maio cunha charla centrada no exercicio físico durante a terceira idade, o local de persoas xubiladas JUPEMI, situado no Milladoiro, acolle unha nova sesión este mércores, 10 de outubro. Esta charla, que comezará ás 17.30 horas, tratará sobre a memoria e como previr a súa perda, será impartida pola enfermeira María Rey, especializada en atención comunitaria e familiar.

Así, nesta charla-obradoiro comezarase por precisar cales son as causas non patolóxicas máis frecuentes para a perda de memoria, un problema que se volve máis común a medida que avanza a idade de quen a sofre, así como os síntomas que fan saltar a alarma, como son esquecementos sistemáticos, despistes ou desorientación.

Ademais, a poñente tamén destacará a importancia de estímulos a nivel mental e o exercicio físico para atallar este problema. Sen embargo, esta non só será unha xornada teórica, posto que María Rey tamén realizará cos asistentes unha serie de exercicios sinxelos para previr estas perdas de memoria, que poderán repetir nos seus fogares.

Seis charlas-obradoiros máis ata finais de ano

Esta edición do programa “Falemos de saúde”, organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), constou, dende o seu inicio, de 10 charlas-obradoiros que xiran en torno á saúde, tanto física como emocional.

Deste xeito, o programa inaugurouse o pasado 9 de maio coa celebración dunha charla centrada no exercicio físico na terceira idade, á que seguiu unha nova sesión, o día 30, na que se abordou a sobrecarga das persoas coidadoras, e outra o 13 de xuño, sobre a alimentación saudable como un estilo de vida.

Asemade, despois de un pequeno parón estival, retomouse o programa con unha nova charla o 26 de setembro, centrada na diabetes, na súa prevención e nos seus coidados, a que segue o taller deste mércores, no que se tratará a prevención de determinados problemas de memoria.

O tema protagonista da seguinte charla, que terá lugar o día 24 de outubro, será a saúde mental, nomeadamente a xestión das emocións e do dolo. No mes de novembro, celebraranse tres charlas máis dentro do programa “Falemos de Saúde”. O día 7, a palestra abordará a sexualidade na madurez; mentres que a charla do 21 de novembro tratará acerca das dores musculares. O día 28, a palestra estará centrada no solo pélvico e nas súas problemáticas. Por último, o 12 de decembro, a última das charlas desta nova edición do “Falemos de Saúde” analizará a correcta administración de fármacos e a organización do tratamento.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925