Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula de...


A Aula de Informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos do último trimestre do ano

[01-10-2018] A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo para anotarse nos cursos que ofrece para este último trimestre do ano 2018. A oferta está formada por un obradoiro sobre a creación, configuración e o uso do correo electrónico, que se desenvolverá no mes de outubro; unhas xornadas sobre os primeiros pasos na informática, previstas para novembro; e, por último, un curso para a elaboración de presentacións con Impress, que se impartirá en decembro. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as solicitudes de inscrición dos diferentes obradoiros, que son gratuítos.

A Aula de Informática do Milladoiro inicia a súa programación de outono cun curso de iniciación ao correo electrónico, no que se tratará a creación, configuración e o uso dunha conta. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, este curso de catro horas e media de duración, desenvolverase os días 29, 30 e 31 de outubro. Existen 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas).

Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun curso para achegarse a Internet dende un nivel básico, pensado para persoas maiores de 18 anos que queiran iniciarse na informática. Este obradoiro de seis horas de duración terá lugar do 19 ao 22 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10.

Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de elaboración de presentacións con Impress, co obxectivo de elaborar un conto de Nadal. Os destinatarios do mesmo, que se desenvolverá os días 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 11:00h a 12:30 horas, serán dez nenas e nenos entre os 9 e os 12 anos.

Tramitación das inscricións

O prazo de inscrición para estes obradoiros gratuítos está aberto desde este luns, 1 de outubro, ata que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Cómpre destacar que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas.

As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Servizo de
Aula Aberta
A Aula de Informática do Milladoiro ofrece un servizo de Aula Aberta para que todas as persoas que o desexen poidan facer tarefas tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de aceso á Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas de luns a xoves, e de 9:30h a 13:30 os venres. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925