Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Asínase o...


Asínase o convenio de colaboración entre Ames e Teo para regular a participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro

[20-09-2018] Este mércores, 19 de setembro, os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Teo, Rafael Sisto, asinaron o convenio de colaboración para regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro. Dito convenio foi aprobado por unanimidade no pasado pleno ordinario de xullo. Ambos rexedores amosáronse satisfeitos polo peche deste proceso.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “despois de ser ratificado polo Pleno, agora procedemos a asinar o convenio por parte das Alcaldía dos dous concellos. A través de dito acordo vaise a regularizar a participación dos dous concellos nos custes da xestión e dita EDAR, un tema que estaba pendente de acordar dende hai anos”. O alcalde de Teo, Rafael Sisto, tamén se amosou satisfeito polo peche deste proceso.

Cómpre lembrar que en xullo de 1998 realizouse o proxecto básico da obra de saneamento en Calo e Milladoiro por parte da Xunta de Galicia. Para o cálculo do dimensionamento da EDAR no anteproxecto estimouse a poboación futura (na área de influencia da EDAR) dos dous concellos no ano 2023.

Tendo en conta a realidade actual de ambos concellos, considérase neste momento máis conveniente utilizar outro criterio para o reparto dos custes, concretamente o número de vivendas conectadas á EDAR Calo-Milladoiro. Para este fin, cada concello confeccionará anualmente unha listaxe de vivendas conectadas ó servizo de saneamento que verten á EDAR Calo-Milladoiro, con indicación do enderezo de cada vivenda conectada e titular do servizo.

Asemade, co obxecto de dispor dun estudo de custos, por acordo entre as Alcaldías dos dous concellos, a principios de 2014 solicitouse a Augas de Galicia que realizase un estudo técnico de custes da EDAR Calo-Milladoiro. Este estudo, realizado por IDOM, Consultora de Aguas de Galicia, establece un custo de xestión total de 149.869,85 euros/ ano. Neste montante incluíase o custo variable da electricidade, nese ano estimada en 41.437,36 euros, polo que o custe de xestión, excluída electricidade, é de 108.432,49 euros/ano (sen IVE).

Control da xestión e mantemento da instalación
En base ao convenio, que vén de asinarse por parte dos alcaldes de Ames e Teo corresponderalle ao Concello de Teo a administración, control da xestión e mantemento da instalación da EDAR Calo-Milladoiro. Para os custos anteriores ao 2019 aplicarase o criterio do número de habitantes debendo o Concello de Ames aboar ao Concello de Teo un total de 295.815,43 euros correspondente ás anualidades que van de 2013 a 2017.

A anualidade de 2018 aínda está pendente de liquidación. As anualidades de 2013 e 2014 terán que aboalas antes do 31 de decembro de 2018; ás de 2015, 2016 e 2017, antes do 31 de decembro de 2019; e a de 2018, antes do 31 de decembro de 2020.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925