Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Punto Limpo de Ames...


O Punto Limpo de Ames alcanzou no mes de xullo 612 visitas, un dos números máis elevados de entradas dende que comezou a funcionar

[06-08-2018] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de xullo 612 visitas, unha das cifras máis elevadas de entradas por mes dende que se inaugurou en xaneiro de 2007. O teito está nas 650 entradas rexistradas no mes de setembro do ano pasado. Das achegas feitas no pasado mes de xullo destaca fundamentalmente o aumento dos residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 4.500 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.

Os veciños e veciñas de Ames cada vez son máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non van os colectores convencionais. Iso demóstrase no incremento de visitas que está experimentando o Punto Limpo. Cada vez son máis as persoas que achegan a este centro para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado. Así non pasado mes de setembro alcanzáronse as 612 visitas, unha das mellores entradas por mes dende que comezou a funcionar este servizo.

En relación aos residuos achegados pola veciñanza amesá destaca notablemente o aporte de RAEES (equipos eléctricos e electrónicos) que se achegaron aos 4500 quilogramos. Deste xeito durante o mes de xullo os veciños e veciñas de Ames entregaron 4.438 quilos de equipos electrónicos, 180 quilogramos de envases baleiros contaminados e 220 quilos (32 unidades) de neumáticos que se atopaban fóra de uso. Tamén se entregaron 90 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 240 quilos (15 unidades) de baterías de chumbo, 10 quilogramos (400 unidades) de pilas e 22 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 40 de metais e outros 60 de madeira, así como 160 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 63 litros de aceites vexetais e outros 47 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 10 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, a cidadanía que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censados en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes/as veciños/as. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925