Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Bertamiráns...


Bertamiráns prepárase para celebrar as festas da Peregrina a próxima fin de semana

[06-08-2018] Logo das festas da Madalena, que rematan hoxe no Milladoiro, tócalle quenda á Peregrina de Bertamiráns. O próximo venres, 10 de agosto, arrancan os festexos coa IV Festa do Porco á Brasa, que dará paso a unha fin de semana chea de actividades e música. As orquestras Ritmo Joven, Furia Joven, Israel e El Combo Dominicano serán as encargadas de por a música nas sesións vermú e verbenas de tres días de festa nos que non faltarán actuacións e entretemento para toda a familia.

A IV edición da Festa do Porco á Brasa, a celebrar o venres, 10 de agosto, a partir das 22:00 horas, será o punto de partida para as festas da Peregrina de Bertamiráns. Unha xa tradicional forma de comezar os festexos e que, este ano, contará coa actuación do grupo musical Mar d´Arousa. Os billetes para participar desta degustación do porco á brasa poden adquirirse no Bar Mero e na Casa Abelleira. En todo caso, todos os interesados/as no evento poden obter máis información chamando ao número de teléfono 680 210 964.

O sábado, 11 de agosto, os festexos comezarán ás 10:00 horas coa tirada de 21 bombas de palenque e, a partir das 11:00 horas, a charanga Os Atrevidos da Barcala estará percorrendo as rúas de Bertamiráns. Ás 14:00 horas comezará a sesión vermú coa orquestra Ritmo Joven. Pola tarde haberá inchables para os cativos de 18:00 a 21:00 horas no parque da Travesía do Rueiro. Cara ao final do día, ás 19:00 horas, terá lugar unha misa e a procesión de fachos. A partir das 22:00 horas dará comezo a verbena no Campo da Peregrina coas orquestras Ritmo Joven e Furia Joven, conxunto que está a realizar a súa primeira xira por Galicia.

O domingo, a festa comezará ás 10:00h coa tirada doutras 21 bombas de palenque e cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas amesán Os Castros, que tamén ofrecerá unha actuación de baile tradicional a partir das 12:00h na praza da Maía. Nesta mesma praza actuará, a partir das 11:00h, a banda de música de Negreira, que tamén acompañará a procesión posterior á misa solemne das 12:00h. A sesión vermú dará comezo ás 14.00 horas coa actuación da orquestra Israel. Xa pola tarde, ás 19:30h no campo municipal, terá lugar o XV Trofeo de Fútbol “Café Don Budi”. O punto final das festas da Peregrina de Bertamiráns poñerano as actuacións das orquestras Israel e El Combo Dominicano a partir das 22:00 horas.

Fin de festa no Milladoiro

Este luns, 6 de agosto, rematan as festas da Madalena no Milladoiro, cun pasarrúas pola mañá a cargo da charanga Tíralle do aire e outro ás 19.00 horas a cargo do grupo de gaitas Os Retranqueiros. Ás 21:00 horas terá lugar unha misa na Capela da Madalena, seguida do traslado da imaxe a súa Capela, na rúa Viorneira, ás 21:30 horas. Durante a noite, a partir das 22:00 horas, a verbena será amenizada polas orquestras Alkar e Olympus.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925