Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Ames celebra o luns,...


Ames celebra o luns, 23 de xullo, o Día de Galicia con música, lectura de poemas e unha recepción ao catedrático Anxo Carracedo

[18-07-2018] O Concello de Ames está preparando para o luns, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde haberá música, a cargo de M.J. Pérez e Ailén Kendelman, e se lerán varios poemas por parte dos gañadores/as do XV Certame Literario do Concello de Ames. Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que se fará unha recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo e contará coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais.

Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o luns, 23 de xullo, ás 20.00 horas.

Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal.

Haberá música a cargo de M.J. Pérez e Ailén Kendelman, que actuarán de xeito conxunto. M.J. Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de 2 discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora M.J. Pérez presenta “Casandra” o seu terceiro disco. Casandra é o primeiro disco de estudio da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

Recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo
Asemade, aproveitarase dito acto para facerlle unha recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo, que é veciño de Ames. Deste xeito, entregaráselle a medalla do Concello de Ames. Carracedo é recoñecido, ademais de pola súa traxectoria profesional, pola súa visión humanizada da ciencia e o seu compromiso coa divulgación científica. Actualmente coordina a investigación coa labor docente. É profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Por outra banda, farase unha lectura de poemas por parte dos gañadores/as do XV Certame Literario do Concello de Ames. Tamén participarán veciños de Ames como Tino Seoane e José Luís Vázquez Mirazo, que xa participaron en edicións anteriores. Esta lectura de poemas está aberta a toda a veciñanza que queira participar. Ademais, contarase coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925