Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Uns 60 voluntarios/as...


Uns 60 voluntarios/as colaboraron durante o curso 2017-2018 coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións que desenvolve o Concello de Ames

[12-07-2018] O Concello de Ames conta cunha oficina municipal de voluntariado que desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Durante o curso 2017-2018, uns 60 voluntarios e voluntarias colaboraron activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Todas as actividades estiveron dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA. Este ano, como novidade, impartiuse un obradoiro de ganchillo para novatos/as. Asemade, calcúlase que o número de persoas que participaron nas actividades directamente foi de arredor de 280, mentres que os beneficiarios indirectos ascende a 600 usuarios/as.

O Concello de Ames articula o traballo da súa oficina de voluntariado arredor de tres eixos principalmente: programas de acción social; de atención socioeducativa; e outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Deste xeito, dentro do apartado de programas de acción social, desenvolvéronse actividades de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, de apoio e acompañamento no transporte adaptado municipal, e de acompañamento puntual en centros sanitarios.

Por outra banda, desenvolvéronse programas de atención socioeducativa no que se encadraron as actividades de apoio escolar a menores con diferentes problemáticas sociais. Houbo catro grupos diferenciados por idades e necesidades de aprendizaxe. Estas clases, nas que participaron 30 nenos/as impartíronse en Bertamiráns e no Milladoiro. Esta iniciativa realizouse en colaboración cos programas de educación familiar municipal.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, destacou “estamos moi satisfeitos co traballo realizado polos nosos/as voluntarios/as e mantendo esta posición de referencia no tocante ao servizo de voluntariado dentro do territorio galego. Seguiremos apoiando e fomentando todo tipo de accións voluntarias encamiñadas a mellorar a vida cotiá da nosa veciñanza. Aproveito unha vez máis para agradecer o traballo desinteresado de todos os nosos/as voluntarios/as que fan unha labor impagable e animo a todos/as a informarse sobre este mundo”.

Escola Integral de maiores
Ademais destes servizos, os maiores do concello asistiron ás clases da Escola Integral de maiores. Dividida entre Bertamiráns e O Milladoiro, esta Escola Integral ofertou actividades a 32 alumnos e alumnas (17 no Milladoiro e 15 en Bertamiráns). As clases dividíronse en diversos grupos, dependendo do nivel escolar dos alumnos, facilitando así unha ensinanza personalizada e adaptada ás necesidades de cada alumno/a.

Tamén se impartiron clases de español para estranxeiros en Bertamiráns, nas que participaron 6 alumnos/as, e mailo curso de inglés para maiores Achégate ao inglés. Neste curso participaron 24 alumnos/as repartidos en dous niveis: iniciación e perfeccionamento. Asemade, este ano, como novidade, impartiuse o curso de iniciación ao ganchillo, no que participaron 15 alumnas. Tamén se impartiu un curso de informática na Aula do Milladoiro, para persoas maiores, no que participaron 8 usuarios/as, e desenvolveuse unha nova edición do Club de lectura no Milladoiro. Asemade, ao final de curso, como todos os anos, todos os usuarios/as das actividades da OVA e os/as voluntarios/as participaron nunha excursión, onde visitaron Viveiro, Estaca de Bares e outras localidade galegas. Outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios
Pero as actividades que xestiona a Oficina de voluntariado de Ames son moitas máis. No curso de seminario de amigos da viticultura participaron 28 persoas; o curso de corte, confección e patronaxe contou con 14 alumnas; no obradoiro de costura para novatos/as houbo 12 alumnas; e no obradoiro de relaxación a a través das cores, impartido en Bertamiráns, participaron 20 usuarios/as.

Outro das iniciativas máis destacadas da Oficina de Voluntariado de Ames é o roupeiro municipal, un servizo que se encarga de recoller toda aquela roupa ou enseres en bo estado pero en desuso da veciñanza, que en lugar de gardala ou tirala ao lixo prefiren que sexan outras persoas que a necesiten as que a reciban gratuitamente. Así, a veciñanza pode entregar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro toda aquela roupa que non usa e está en bo estado. Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Roupeiro municipal non recollerá roupa durante os meses de xullo e agosto. Durante estes dous meses de verán seguirá funcionando para todas aquelas persoas que precisen roupa ou outro tipo de enseres. A comezos do mes de setembro retomará a súa actividade habitual.

Pero non son só os veciños de Ames os que se benefician da boa vontade dos voluntarios, xa que a OVA tamén participa no programa Para que outros poidan ver, a través da cal se recollen medicamentos e lentes para enviar ao Sáhara. Tamén se colabora na entrega de alimentos para persoas con máis carencias do concello. Neste senso cómpre destacar o incremento na entrega de produtos frescos coma verduras e hortalizas grazas ao convenio subscrito co Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial).

Campaña Zocos e trasnos e reparto dun libro dos Bolechas
Cómpre destacar que, por segundo ano consecutivo, a Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación de veciños Vivo en Ames, realizou a campaña Zocos e trasnos, para a recollida e entrega de xoguetes durante a época do Nadal. Na segunda edición desta campaña entregáronselle agasallos a 240 nenos/as de 0 a 14 anos. Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos en Nadal. De aí a existencia dos trasnos, persoas voluntarias que mercan un presente para algunha destas nenas e nenos.

Por último, este ano a Oficina de Voluntariado entregoulles aos centros de educación primaria e ás bibliotecas municipais do concello un novo libro dos Bolechas centrado no mundo da acción voluntaria. Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias é o título do novo libro desta afamada familia de seis irmáns. Editado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coa axencia de edición Bolanda, o libro quere ser unha guía didáctica coa que achegar ás máis cativas e cativos o mundo do voluntariado.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925