Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Remata o programa de...


Remata o programa de “Espazos das familias” no que participaron 12 familias e as súas crianzas de 0 a 6 anos

[12-07-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e en en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, puxo en marcha no pasado mes de outubro o programa de “Espazos das Familias”, o cal se desenvolveu os martes, semanalmente, ata o final do curso académico, no local de JUPEMI no Milladoiro, entre as 17:00h e as 19:00 horas. En dito programa participaron, ao longo do curso 2017-2018, 12 familias e as súas crianzas de 0 a 6 anos. Os Espazos ofrécenlles ás familias participantes e as súas crianzas a posibilidade e a oportunidade de formar unha rede de apoio e de promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación por parte destas familias das actividades promovidas ou propias do Concello.

Este programa ten como obxectivo a creación dun espazo onde coñecerse, dialogar, reflexionar e compartir experiencias e ferramentas educacionais. Con esta experiencia preténdese, dende un enfoque poboacional, transmitir os valores da parentalidade positiva, así como a importancia do xogo como ferramenta de comunicación e a adquisión de determinados hábitos. Os Espazos ofrécenlles ás familias participantes e as súas crianzas a posibilidade e a oportunidade de formar unha rede de apoio e de promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación por parte destas familias das actividades promovidas ou propias do Concello.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destacou que “os Espazos das Familias naceron coa vontade de converterse nunha prolongación da seguridade afectiva que para as crianzas representa a familia. Un obxectivo que se conseguiu con creces, en grande medida grazas á implicación das nais e pais participantes. A posta en valor da función educativa das familias, o recoñecemento e o respecto á infancia e ás necesidades de cada nena e neno, así como o afianzamento e/ou adquisición de determinados hábitos e/ou valores necesarios foron tamén outros dos eixos centrais destes Espazos”.

O longo do curso tratáronse diferentes temáticas. O primeiro trimestre centrouse especialmente nas rutinas, na autonomía e a importancia do xogo mediante sesións dedicadas a interiorizalas como por exemplo a entrada. Colocando a súa roupa na percha e a súa imaxe na cortiza, para seguir con xogo libre para as crianzas co cesto dos tesouros, sen a intervención dos adultos mentres estes se saúdan, observan as súas crianzas, poñen en común dificultades, dúbidas que se atoparon ao longo da semana.

Tamén se traballou a importancia dos primeiros anos e o papel da familias nesta importante etapa dentro do desenvolvemento das crianzas, introducindo en cada sesión unha actividade central diferente, que se realizou conxuntamente entre adultos e crianzas e que incentivaba tratar o tema central. Para abordalo entregouse documentación impresa, visualizáronse diferentes vídeos e fixéronse distintas dinámicas de grupo, así como o coñecemento do entorno mais próximo e os hábitos de alimentación e rutinas á hora de comer en familia. Da dependencia á autonomía
Xa no segundo trimestre abordáronse cuestións como da dependencia á autonomía con diferentes actividades cotiás, como poñer a mesa, colgar a roupa, etc; as normas e os límites, facendo que as familias reflexionen e consideren a importancia dos límites e das normas na educación dos nenos e das nenas, así como como establecelas e de cales son as máis axeitadas en función das diferentes etapas do desenvolvemento; os medos infantís: a morte, partindo dun conto. As familias puxeron en común como tratan este tema a partir das súas crenzas e cultura.

A través da visualización da película Inside Out intentouse comprender o complexo mundo das emocións, centrándonos finalmente en un tema que preocupa moito as familias: as rabechas. Observando o comportamento das crianzas abordouse o tema con distintos xogos e actividades contando o conto de O monstro de cores. Falouse tamén das emocións e da educación emocional facendo fincapé na necesidade de unha educación non sexista.

Estimulación dos sentidos
O terceiro trimestre estivo adicado a estimulación dos sentidos e a psicomotricidade grosa. Entre as actividades realizadas destacou a construción dunha casa cunha caixa de cartón; reflexionaron sobre a relación que existe entre como educamos e como son e serán os nenos e as nenas; confeccionaron tarxetas onde cada familia escribiu a dimensión da parentalidade, que consideraba máis importante, e pegáronas na casa de cartón. A partir de aí, ao finalizar cada un dos Espazos ao longo do curso, foron engadindo unha nova dimensión escrita nunha tarxeta. Construíron a árbore da familia e falaron das súas familias, de como os educaron e como educan, diferenzas e similitudes, consecuencias das diferenzas educativas.

Mediante o xogo reflexionaron sobre que é un xoguete, con que xogan os nenos e as nenas e a importancia do xogo nos primeiros anos. Visualizaron folletos publicitarios de xoguetes, campañas publicitarias e falouse de como se está a tratar a igualdade de xénero dende este medios, en relación coa publicidade dos xoguetes. Tamén houbo visitas á biblioteca municipal onde coñeceron as instalacións, a dinámica de funcionamento, manipularon os contos, asistiron aos contacontos, fixeron o carné e foron collendo e devolvendo libros en préstamo.

Asemade, en cada trimestre fíxose unha saída para coñecer e aproveitar os recursos do contorno e estar en contacto coa natureza, coas implicacións educativas que iso implica e sobre as que reflexionaron na seguinte sesión, mentres merendaban e realizouse unha merenda que servía de base para abordar o tema dos hábitos de alimentación e as rutinas á hora de comer en familia. O curso rematou cunha reunión de todas as familias en horario de mañá para facilitar que foran sen as crianzas, co fin de abordar e afondar en temas educativos específicos, que pola propia dinámica deste espazo, non se puideron afianzar durante o curso, e unha saída á piscina municipal do Milladoiro, onde as familias que participan nos Espazos compartiron tempo e xogos coas crianzas, en horario de tarde.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925