Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames acolleu a...


Ames acolleu a exposición de conclusións da segunda fase do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago

[11-07-2018] O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu este martes, 10 de xullo, o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago. Este proxecto ten como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia. Foi unha xornada de traballo onde se analizaron os datos que xorden do estudo, dun xeito global, dos Concellos da provincia, e dun xeito máis pormenorizado, dos municipios de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Valdo Dubra, e Vedra.

Compartimos Plan é unha a estratexia participativa que xurde da man da área de Igualdade da Deputación para elaborar un estudo de diagnose e un plan de acción das políticas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia da Coruña. Nesta estratexia implicouse a todos os considerados “axentes chave”, todos/as aqueles axentes que teñen algo que dicir en materia de Igualdade: asociacións, persoal técnico, centros escolares, centros de saúde, etc.

Este proxecto consta de 4 fases. A primeira é informativa e está destinada a informar sobre a realización do proxecto (decembro de 2017). A segunda fase é a de diagnose (na que se está na actualidade). Abrangue a detección de necesidades en materia de igualdade a nivel local e provincial, así como a compilación de información sobre os programas, servizos, e recursos existentes na provincia. A terceira fase é de elaboración do plan de acción: aquí concretaranse as liñas de actuación específicas que concluirá coa aprobación do Plan Provincial para a Igualdade de Mulleres e Homes. A cuarta e última abrangue a difusión de dito plan.

O Foro celebrado onte en Bertamiráns forma parte da segunda fase. Foi unha xornada de traballo onde se analizaron os datos que xorden do estudo, dun xeito global, dos Concellos da provincia, e dun xeito máis pormenorizado, dos municipios de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Valdo Dubra, e Vedra. Estes datos recóllense no estudo de diagnose feito a través das entrevistas e enquisas realizadas na comarca de Santiago tanto a poboación xeral, como ao persoal técnico dos Concellos e as entidades e asociacións. A información obtida nestes foros permitirá definir mellor as áreas de actuación para a implementación de políticas de igualdade e mellorar a asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos.

Que amosan os datos obtidos?
En xeral os Concellos da provincia da Coruña teñen un aprobado en materia de igualdade e nalgúns dos ítem analizados a comarca de Santiago está por riba da media. Os datos xerais indican que se avanzou en materia de igualdade, pero aínda queda camiño por percorrer para que esa igualdade sexa real e efectiva. Aínda seguen sendo as mulleres as que en maior medida asumen o rol de coidadoras, ás que lle segue influíndo máis a maternidade na súa vida profesional, ás que seguen adicando máis horas as tarefas dentro do fogar, as que seguen sufrindo máis violencia sexual, as que sofren máis precarización laboral, as que seguimos tendo ese teito de cristal…

Este estudo aparte de reflectir as desigualdades existentes tamén permite ver cales son as debilidades e ameazas, para poder traballar máis ditos aspectos, así como coñecer as fortalezas e oportunidades, co obxectivo de seguir incidindo nelas.

Debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidade
Deste xeito algunhas das debilidades detectadas foron: baixa representación das mulleres dentro dos cargos políticos; a igualdade non conta cun papel prioritario nas estruturas de Goberno; baixo compromiso e implicación do persoal técnico doutras áreas; falta de coordinación interdepartamaental e dificultade para a transversalidade; insuficiencia do persoal asignado a área de igualdade; e baixa adecuación orzamentaria e dependencia de subvencións.

As ameazas existentes son: maior precariedade laboral das mulleres; menor asunción das tarefas domésticas polos homes; persistencia de roles e estereotipos de xénero e micromachismos; percepción dende certos sectores de que as desigualdades de xénero xa non existen; baixa participación da poboación nas actividades da área de igualdade; alto índice de violencia sexual, escaseza de denuncias por violencia de xénero procedentes de familiares (en 2017 ningunha); illamento das mulleres nas zonas rurais; invisibilidade dos dereitos das mulleres pertencentes a certos colectivos: inmigrantes, prostitución, sen teito, con discapacidade…).

Por outra banda, as fortalezas detectadas foron: compromiso do persoal político ca igualdade; desenvolvemento de planificación estratéxica en materia de igualdade; cultura da avaliación; desenvolvemento de estruturas de coordinación interinstitucional; dispoñibilidade de recursos propios; persoal con formación especializada; diversificación das accións e actividades; traballo en rede asociativo; e utilización das RRSS.

Por último as oportunidades detectadas foron: crecemento da poboación e menor envellecemento; mediadas de acción positivas dirixidas a inserción laboral das mulleres; maior afiliación e contratación de mulleres; incremento de orzamentos estatais, autonómicos e provinciais para igualdade e violencia de xénero; alto desenvolvemento da normativa e planificación estratéxica en materia de igualdade nas CCAA; alto nivel de formación da poboación; plan de formación anual por parte da Deputación para o persoal; existencia dun protocolo de coordinación interinstitucional fronte a violencia de xénero; existencia dunha rede de acollemento para mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas; maior sensibilización entre a poboación fronte as desigualdades de xénero; políticas de igualdade na infancia e mocidade; e complicidade dos medios de comunicación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925