Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal e...


O goberno municipal e o delegado territorial da Xunta de Galicia visitan a empresa Ozono Multimedia SLL con sede no polígono Novo Milladoiro

[10-07-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, acompañaron esta mañá ao delegado territorial da Xunta de Galicia na Delegación Territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, na visita que fixo á entidade Ozono Multimedia SLL, situada no polígono industrial do Milladoiro. Esta empresa foi creada en 2002, ten 7 socios e adícase ao desenvolvemento de software, SAT e consultoría. Esta sociedade laboral recibiu unha axuda, para a incorporación de dous novos socios, a través do programa Aprol Economía Social. Asemade, nesta visita informouse de que a Xunta de Galicia ten aberto o prazo para solicitar as axudas para emprendemento colectivo ata o 1 de outubro.

Esta mañá, membros do goberno municipal e mailo delegado territorial da Xunta de Galicia na Delegación Territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron a empresa Ozono Multimedia SLL, que está situada no polígono Novo Milladoiro. Trátase dunha sociedade laboral de desenvolvemento de software, SAT e consultoría que desde 2002 desenvolve webs, app, sitios e-commerce e software especializado. Desenvolve software opensouce desde a base ou en código fonte xa desenvolvido.

Un dos aspectos salientables na actividade empresarial vinculada con i+D+i é a creación de produtos verticais de xestión empresarial e servizos saas. A característica máis salientable do proxecto empresarial é a oferta de servizos expertos de alto valor engadido e a súa destacada calidade. Esta entidade foi beneficiada cunha das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria do Programa Aprol que teñen como obxecto fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social. Así, dende a Xunta de Galicia apoiouse a esta empresa para a incorporación de dous novos socios.

O representante do goberno galego, Ovidio Rodeiro, destacou que as persoas interesadas en beneficiarse destas axudas teñen de prazo ata o 1 de outubro deste ano para presentar a súa solicitude. Ademais, recordou que esta orde partiu cunha achega económica de 1,8 millóns para os dous programas dos que conta cunha axuda e que o pasado 18 de xuño publicouse unha ampliación da dotación orzamentaria para a concesión destas axudas de 350.000 euros. O período de execucións das accións será ata o 16 de novembro de 2018.

Dúas liñas de axuda diferenciadas
Este programa ten dúas liñas de axuda diferenciadas. O programa I aborda o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, mentres que o programa II recolle o fomento do acceso á condición de persoa socia. Con estes dos programas incentívanse, dun lado, ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen a novos socios con axudas de ata 15.000 euros por cada persoa incorporada, sendo o máximo por entidade de 67.500 euros. Doutra banda, apóiase ás persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos que máis o necesitan, para que se incorporen ás cooperativas e sociedades laborais, financiando a achega ao capital social obrigatorio e cotas de ingreso con ata 15.000 euros.

A estas axudas tamén poden acollerse as persoas que inician unha actividade por conta propia e incorpóranse a unha cooperativa para a comercialización ou obtención de servizos. Este programa inclúe novidades con respecto ao ano pasado: amplíase o prazo de solicitude dos apoios, ata o 1 de outubro (o pasado ano o prazo foi dun mes); e as axudas aumentarán nun 25% para as persoas maiores de 45 anos e para os emigrantes retornados.

Esta actuación contribúe a impulsar a economía social e a súa competitividade e a fomentar o autoemprego en Galicia, un dos retos principais da Axenda 20, coa que o Goberno autonómico está a impulsar o emprego estable na Comunidade. A iniciativa forma parte tamén da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, a través da que en 2018 investiranse máis de 17 millóns de euros para impulsar a economía social, o que supón un 6,4% máis que este ano.

Dende o Concello de Ames anímase ao sector empresarial a presentarse a todas estas liñas de financiamento e axudas, que melloren a calidade, xa de por si alta, das empresas amesás. Asemade, o goberno municipal agradécelle á Xunta de Galicia e ao delegado territorial na provincia da Coruña a visita feita hoxe, así como agradece poder seguir obtendo o recoñecemento que as empresas de Ames están conseguindo ultimamente.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925