Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A praia fluvial de...


A praia fluvial de Tapia estará pechada ao baño ata coñecer o resultado da analítica da auga do río Tambre

[09-07-2018] Dende o Concello de Ames infórmase que a praia fluvial de Tapia permanecerá pechada ao baño ata que se coñeza o resultado da análise da auga do río Tambre ao seu paso por Ames. A Administración local decidiu pechar esta área de baño o pasado sábado, 7 de xullo, ás 18.00 horas, debido a turbidez da auga e a aparición de peixes mortos e con feridas. O goberno municipal púxose esta mañá en contacto coa Consellería de Sanidade, responsable de indicar se a auga ten a calidade necesaria para o baño, así como coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para trasladarlle a situación na que se atopa a fauna do río Tambre.

Dende este pasado sábado, 7 de xullo, ás 18.00 horas ondea a bandeira vermella na praia fluvial de Tapia debido á turbidez da auga do río Tambre e a aparición de peixes mortos e con feridas. Trátase dunha medida preventiva ata que se coñeza o resultado das análises que se están realizando sobre a calidade da auga. O concelleiro de Servizo Básicos, Blas García, explica que “trátase dunha medida preventiva ata coñecer o resultado da análise da auga. Dende o Concello o único que podemos facer é pechar a área de baño. O principal é a seguridade dos bañistas que acudan a Tapia”.

Cómpre lembrar que durante a última semana de xuño apareceron varios peixes mortos neste mesmo lugar. Os técnicos de Augas de Galicia, a través del Plan de control de vertidos, e por petición dos axentes da Policía Autonómica, que se desprazaron ata Tapia, colleron mostras da auga facer unha análise e coñecer a causa da morte dos peixes. Na analítica feita pola Policía Autonómica os valores deron de xeito correcto. Nese intre, o corpo de seguridade autonómico, indicou que posiblemente a morte dos peixes fose debida a un vertido na Ponte Albar, no concello de Trazo. Debido ás correntes do río Tambre os peixes chegaron a Tapia.

Dende ese momento e ata o pasado sábado, chegou algún peixe morto máis á praia fluvial de Tapia, pero a situación empeorou o pasado 7 de xullo cando a auga comezou a baixar moi turbia e apareceron novos peixes mortos a outros con feridas. Debido a iso avisouse, a través do 112, á Policía Autonómica, pero non puido achegarse a Tapia. Por iso dende o Concello de Ames decidiuse pechar a área de baño, como medida preventiva ata coñecer o resultado da analítica que está facendo Augas de Galicia. Asemade, debido á tardanza en enviar os resultados de dita analítica, o Concello de Ames encargoulle outra análise da auga á empresa Espina & Delfín, concesionaria do Ciclo integral da auga.

Mañá disporase dos primeiros resultados das análises
Blas García explica que “a turbidez da auga mellorou algo durante esta mañá. Aínda así a área de baño seguirá pechada no xornada de hoxe. Seguimos agardando polo resultado da analítica que está facendo Augas de Galicia. Ademais, mañá teremos os primeiros resultados da analítica que lle encargamos á empresa Espina & Delfín”.

Esta mañá o concelleiro de Servizos Básicos púxose en contacto co xefe do servizo provincial da Consellería de Sanidade, que lle informou que na xornada de onte recolleron mostras da auga en Tapia. Segundo indican, ante a petición do Concello de Ames de dárlle prioridade a este problema, van a tramitar este tema por vía de urxencia e facer todo o posible para enviar entre mañá e mércores o resultado de dita análise. Ademais, dende o goberno municipal puxéronse en contacto coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para trasladarlle a situación na que se atopa a fauna do río Tambre. Dende este organismo dixeron non ter constancia de dito problema e remitiron ao Concello a falar con Augas de Galicia. O Concello solicitaralles por escrito información sobre este tema.

Por último, Blas García, critica a actuación da Administración autonómica. “Parece mentira que a Administración autonómica mostrase este grao de neglixencia e falta de respecto polas persoas que empregan durante a época estival o río Tambre para bañarse. É incomprensible a tardanza que están tendo en informar aos concellos afectados, cando xa hai 15 días houbo un presunto vertido nas augas do río Tambre na Ponte Albar en Trazo. No Concello de Ames non recibimos ningún tipo de información sobre este problema, que se agravou durante esta fin de semana”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925