Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello abre unha...


O Concello abre unha nova convocatoria de proxectos radiofónicos para a veciñanza

[11-06-2018] O Concello de Ames acaba de abrir unha nova convocatoria para presentar proxectos de programas de radio para emitir entre os meses de setembro e decembro en Ames Radio, con posibilidades de se prorrogaren ata xuño de 2019. Así, calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio. A presentación dos proxectos realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases. O prazo para a presentación dos proxectos está aberto ata o 9 de xullo de 2018. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de participación nesta convocatoria.

Co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames volve abrir as portas de Ames Radio para que calquera persoa, asociación ou entidade do concello maior de 18 anos, ou maiores de 16 anos sempre baixo a responsabilidade dalgún dos seus proxenitores ou titor/a, poda facer un programa de radio. Tamén poderán presentar proxectos en Ames Radio outras persoas, asociacións ou entidades non residentes no concello cando resulten de interese para o Concello de Ames ou estean protagonizados por persoas residentes ou nadas no municipio ou que traballen nel, así como por asociacións e colectivos do Concello. Neste caso presentará o proxecto unha persoa coordinadora, que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.

Os interesados/as en ter o seu propio programa de radio deberán cubrir un modelo de solicitude, indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, explica que “con esta convocatoria continuamos o proxecto iniciado hai un ano polo que dez programas se sumaron ás emisións de Ames Radio. Agardamos repetir o éxito acadado coa primeira convocatoria para seguir ampliando a participación na radio, un medio público que debe estar ao dispor das veciñas e veciños para lle ofrecer información do Concello pero tamén para ser canle das súas inquedanzas e saberes”.

Ames Radio poñerá a disposición o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes. Cando nos proxectos vaia participar máis dunha persoa (ata un máximo total de cinco) indicarase un/ha coordinador/a responsable de garantir o bo funcionamento do proxecto e o cumprimento das condicións de emisión, así como axilizar a comunicación co persoal da emisora.

Presentación de propostas ata o 9 de xullo
O prazo para a presentación dos proxectos está aberto ata o 9 de xullo de 2018. A relación dos proxectos presentados será exposta nos taboleiros oficiais do Concello e na web do Concello de Ames. O persoal técnico da emisora emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio sobre os proxectos recibidos en función dos criterios. Será o Consello Asesor quen aprobe a inclusión de novos programas e colaboradores. A cantidade dos proxectos seleccionados quedará en función das propostas recibidas e as posibilidades de emisión de Ames Radio.

No mes de setembro a relación de proxectos seleccionados será publicada nos taboleiros oficiais do Concello, na páxina web municipal, e incluída na grella de programación de Ames Radio. Ademais, a emisora municipal contactará coas persoas responsables dos proxectos seleccionados a través do teléfono ou do enderezo de correo electrónico indicados na solicitude.

Ames Radio acreditará a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma. Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o teléfono 981 890 452.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925