Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula CeMIT...


A Aula CeMIT incorpora a súa programación de xuño a proxección dunha serie de videoconferencias sobre comercio electrónico

[04-06-2018] Ao longo de xuño e xullo, a Aula CeMIT de Bertamiráns contará con preto dunha vintena de actividades pensadas para usuarias e usuarios de diferentes idades: cursos e ciclos formativos, charlas informativas, exames EMA de Teleformación e obradoiros para crianzas. Como novidade, a Aula CeMIT incorpora a súa programación de xuño a proxección dunha serie de videoconferencias sobre comercio electrónico. No tocante ás actividades dirixidas a un público infantil, cómpre destacar que o obradoiro “Programación en Scratch para rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos” xa non conta con prazas dispoñibles. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

O pasado 30 de xuño comezou o curso “O Correo electrónico”, adicado a afondar nas posibilidades que nos brinda este operativo. Dita actividade formativa estará centrada no Gmail, como exemplo chave para entender o resto de servizos de correo como poden ser o Outlook ou o Yahoo. O curso estase a realizar os mércores, en horario de 10:00h a 11:30 horas. Aínda que xa se impartiu a primeira sesión, as persoas interesadas aínda poden incorporarse a esta formación.

O vindeiro 14 de xuño terá lugar o primeiro dos cursos para adultos da Aula CeMIT. O curso “Iniciación ás redes sociais” desenvolverase ata o 21 de xuño, os martes e os xoves, de 10:00h a 11:30 horas. Nesta formación, que é a última encadrada dentro do ciclo de introdución ás tecnoloxías da información e da comunicación, realizarase unha presentación das redes sociais máis relevantes do momento, vendo que son e para que serven. A Aula Cemit tamén inclúe na súa programación de xuño a realización do obradoiro “Mecanografía para adultos”, que se realizará entre o 25 de xuño e 23 de xullo, os luns, entre as 18:15 e as 19:45 horas.

Os últimos dous cursos para persoas adultas programados pola Aula CeMIT de Bertamiráns son “Deseño vectorial con Inkscape” e “Manexa as apps do teu móbil”. O primeiro deles terá lugar entre o 3 e o 24 de xullo, os martes, das 18:15h ás 19:45 horas. Nel abordarase, de maneira introdutoria, o manexo da interface e das ferramentas básicas do Inkscape: un editor de imaxes vectoriais libre e potente, óptimo de cara ao deseño de carteis e logotipos. O segundo dos cursos desenvolverase do 4 ao 19 de xullo, os mércores e os xoves, no mesmo horario. Nel traballaranse as aplicacións máis útiles que se poden atopar actualmente nos smartphones.

Ciclo de Emprego
O Ciclo de emprego da Aula CeMIT contará con dous cursos dirixidos a persoas que estean á procura de emprego. O obradoiro “Crea o teu CV” realizarase os días 26 e 27 de xuño, en horario de 18:15h a 19:45 horas. Nel presentaranse diferentes técnicas orientadas á realización dun bo currículum, que estea adaptado ao noso historial e que conte cun deseño atractivo. O taller “Busca de emprego por Internet” farase o xoves, 28 de xuño, no mesmo horario. Neste curso, as persoas asistentes aprenderán a buscar emprego na rede.

Cursos de verán para menores
Os cursos de verán serán sempre en horario de mañá e caracterizaranse polo seu carácter lúdico e formativo. Coa súa organización, a Aula CeMIT busca que as nenas e nenos do concello aproveiten as vacacións escolares, aprendendo informática de maneira amena. Destes cursos, os dous primeiros estarán protagonizados pola mecanografía. Deste modo, as cativas e cativos interesados en aprender a escribir no computador poderán facelo os luns, entre o 25 de xuño e o 23 xullo. Haberá dúas quendas: de 10:00h a 11:00 horas será o turno das crianzas menores de 10 anos e de 11:00h a 12:00 horas o das nenas e nenos máis maiores.

O obradoiro “Informática lúdica para menores de 8 anos” terá lugar entre o 26 de xuño e o 24 de xullo, os martes, en horario de 10:00h a 12:00 horas. Neste obradoiro, as crianzas participantes aprenderán a debuxar, a pintar e a escribir mentres se divirten manexando o rato e o teclado. O curso “Programación en Scratch para rapazas/es de entre 8 e 12 anos” desenvolverase do 27 de xuño ao 18 de xullo, os mércores, de 10:00h a 12:00 horas. Esta actividade xa non conta con prazas dispoñibles.

Por último, a formación “Edición de imaxes para adolescentes” celebrarase os xoves, do 28 de xuño ao 26 de xullo, das 10:00h ás 12:00 horas. Con esta iniciativa, búscase achegar ás mozas e mozos á informática a través da fotografía. O curso, que está dirixido a crianzas maiores de 10 anos, traballará con ferramentas gratuítas como son o Pixlr Editor ou o GIMP.

Charlas informativas
A Aula CeMit de Bertamiráns organiza mensualmente a visualización dunha charla, en formato videoconferencia, que se emite desde a Escola Galega de Consumo. No mes de xuño, a charla producirase o luns 4, entre as 12:00h e as 13:30 horas. Nesta ocasión a charla versará sobre a contratación de viaxes, concretamente sobre os dereitos das persoas neste ámbito. Neste sentido, a conferencia ofrecerá unha serie de consellos sobre as axencias de viaxes, as pasarelas de pago online e a resolución de conflitos, entre outras cousas.

Como novidade, a Aula CeMIT incorpora a súa programación de xuño a proxección dunha serie de videoconferencias sobre comercio electrónico. A primeira conferencia, “Comercio electrónico. As claves para o éxito”, terá lugar o martes 5. Emitida desde o Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC), a charla xirará arredor dos seguintes eixos: momentum do comercio electrónico B2C en España; chaves dos diferentes modelos de negocio; ecuación de ingresos e chaves do marketing dixital; ecuación de marxe, chaves loxísticas e medios de pago; captación, conversión e custo. Todas as videoconferencias emitiranse no mesmo horario, entre as 16:00h e as 18:00 horas.

A charla “Comercio electrónico. Prezos e competencia”, terá lugar o martes 12. Dita charla abordará o sistema de pricing, afondando en como funciona e de que maneira conseguir os obxectivos de venda establecendo os prezos máis acaídos para cada produto. A conferencia “Comercio electrónico. Campañas e promocións” desenvolverase o martes 19. As persoas asistentes aprenderán de que forma se pode deseñar unha campaña eficaz, que chegue ao público obxectivo desexado e que mellore a posición da marca no eido do comercio electrónico.

O martes 26 visualizarase a última das videoconferencias, presentada baixo o título “Comercio electrónico. Plataformas e tendas”. Esta charla tratará acerca das diferentes plataformas comerciais que se poden implantar nun negocio, a través da análise das súas características básicas e tipoloxías. Nesta palestra tamén se procederá a facer un estudo das tendencias actuais, así como unha comparativa das vantaxes e limitacións de cada unha destas plataformas.

Exames EMA de teleformación
Os exames EMA son uns exames presenciais, precisos para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe da CeMIT. Haberá unha convocatoria por mes. En xuño, o exame será o día 29, mentres que en xullo a proba celebrarase o día 20. Os exames realizaranse, en ambos os meses, en horario de 12:00h a 13:00 horas.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.



Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925