Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Consello Escolar...


O Consello Escolar Municipal de Ames abordará a modificación do regulamento dos programas de conciliación

[16-05-2018] Este martes, 15 de maio, reuníronse no Pazo da Peregrina os/as integrantes do Consello Escolar Municipal de Ames, para celebrar un pleno extraordinario de dito órgano, co obxectivo de avaliar os datos de escolarización e dos programas de conciliación para o próximo curso escolar. Acordouse abordar durante este ano a modificación, se procede, do regulamento municipal dos programas de conciliación. Asemade, este mércores publicáronse as listas provisionais de admitidos e excluídos na Rede municipal de comedores escolares para o curso 2018-2019. Deste xeito, un total de 1.056 usuarios/as renovaron praza, mentres que houbo 245 novas solicitudes, das cales, tralo proceso de baremación, 165 obteñen praza e 80 quedan en lista de agarda con carácter provisional.

O Pazo da Peregrina acolleu este martes, 15 de maio, pola tarde, un pleno extraordinario do Consello Escolar Municipal de Ames no que se avaliaron os datos de escolarización e dos programas de conciliación para o curso escolar 2018-2019. Dende a Concellaría de Educación plantexouse a necesidade de elaborar un estudo dos perfís de usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares. Asemade, acordouse que durante as vindeiras semanas o Consello Escolar Municipal deberá reunirse de xeito periódico co obxectivo de abordar a modificación, se así se decide, do regulamento municipal dos programas de conciliación, que regula os servizos dos comedores escolares, Bos días cole, Tardes divertidas, programas lúdicos e da Escola de verán.

A idea é aprobar a modificación de dito regulamento no Pleno do Consello Escolar Municipal de xuño ou setembro, e de seguido, levalo ao Pleno do Concello para que sexa aprobado pola Corporación municipal. Así, podería estar aprobado o novo regulamento no vindeiro mes de marzo ou abril de 2019 para poder aplicalo de cara ao curso escolar 2019-2020.

No ámbito da escolarización de cara ao vindeiro curso a inspección educativa, que tamén participou en dita xuntanza, manifestou que a comisión de escolarización reunirase o vindeiro 22 de maio para asignar as prazas escolares para o curso 2018-2019. Aínda así, dende a propia inspección educativa explicouse que en todos os cursos existen vacantes en algún dos centros educativos da área próxima tanto de Bertamiráns coma do Milladoiro, polo que poderán ser atendidas as solicitudes actuais e as que se poden prever. Posteriormente, o debate centrouse no modelo de xestión dos comedores escolares ante a alto volume de demanda que existe.

Listas provisionais de admitidos nos comedores escolares
Por outra banda, este mércores publicáronse as listas provisionais de admitidos e excluídos na Rede municipal de comedores escolares para o curso 2018-2019. Deste xeito, un total de 1.056 usuarios/as renovaron praza, mentres que houbo 245 novas solicitudes, das cales, tralo proceso de baremación, 165 obteñen praza e 80 quedan en lista de agarda con carácter provisional. Ademais, destínanse 55 prazas para persoas declaradas en situación de emerxencia social. As persoas que queiran presentar alegacións sobre as listas provisionais de admitidos e excluídos disporán de 10 días hábiles que van dende o 18 ata o 31 de maio.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, indicou que “este ano adiantamos a publicación das listas provisionais de admitidos e excluídos nos comedores escolares. Por primeira vez saen a mediados do mes de maio. Ademais, chegamos ao número máximo de prazas do servizo de comedores escolares que está establecida en 1.254 prazas. Deste xeito, incrementamos en 50 o número de prazas neste servizo respecto ao curso 2017-2018 e en máis de 200 o número de prazas dende o ano 2015”. Santomil tamén destacou que “a lista de agarda que hai para o próximo curso escolar é menor á que había en setembro de 2017, ao inicio do actual curso escolar, ao optimizarse as prazas de traslados e usuarios/as ocasionais en consenso coa comunidade educativa”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925