Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Aberto o prazo para a...


Aberto o prazo para a renovación e a preinscrición no programa municipal de psicomotricidade educativa e preventiva

[16-05-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, vén de abrir o prazo para a renovación de praza ou a preinscrición no programa de psicomotricidade educativa e preventiva para o curso 2018-2019. Dirixida a crianzas de 3, 4 e 5 anos, a actividade desenvolverase nas aulas de psicomotricidade dos CEIPs A Maía e Agro do Muíño en Bertamiráns e na escola infantil do Milladoiro. O prazo para realizar a renovación de praza ou a preinscrición remata o vindeiro 24 de maio. As nenas e nenos admitidos deberán formalizar a matrícula entre o 20 e o 30 de xuño. Este martes, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións nas que se realizarán as aulas no CEIP A Maía. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de preinscrición para participar nesta actividade.


A actividade de psicomotricidade educativa e preventiva contempla á crianza na súa globalidade, acompañándoa no seu proceso madurativo. Neste sentido, durante o desenvolvemento das aulas, considérase fundamental o fomento da expresividade libre e espontánea, da liberdade de movemento, do xogo e do pracer. O obxectivo xeral que se persegue coa actividade de psicomotricidade educativa e preventiva é favorecer o desenvolvemento integral de cada nena e neno.

Dirixida a crianzas de 3, 4 e 5 anos, a actividade desenvolverase nas aulas de psicomotricidade dos CEIPs da Maía e Agro do Muíño de Bertamiráns e na escola infantil do Milladoiro. En cada centro, haberá tres aulas dividades por idades: unha de tres anos, outra de catro e unha terceira de cinco. En cada unha destas aulas non poderá haber máis de 15 crianzas inscritas. A actividade, dunha hora de duración, terá unha periodicidade semanal.

Actualmente, hai 71 nenas e nenos participando no programa municipal de psicomotricidade educativa e preventiva. Este martes, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións nas que se realizará a actividade no CEIP A Maía.

Tramitación das inscricións
As persoas que desexen renovar praza ou formalizar a preinscrición na actividade de psicomotricidade educativa e preventiva deberán entregar a documentación requirida no Rexistro Xeral da Casa do Concello, no Rexistro das oficinas de Educación do Pazo da Peregrina ou no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro, en horario de 09:00h a 14:00 horas. O prazo para facelo remata o vindeiro 24 de maio.

A ficha de preinscrición e de matrícula pódese recoller no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina, ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Así mesmo, a ficha tamén se pode descargar na sección de Avisos da web municipal. O impreso de renovación de praza xa foi entregado ás nenas e nenos que asistiron á actividade durante este curso.

Unha vez rematado o período de renovación de praza e preinscrición publicarase a listaxe de admitidas e admitidos, así como o prazo e os lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e das Oficinas Municipais no Milladoiro. O prazo para a formalización da matrícula permanecerá aberto entre o 20 e o 30 de xuño. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925