Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A OMIX organiza...


A OMIX organiza actividades de emprendemento e arte urbana para o alumnado do IES de Ames

[17-05-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), vén de pór en marcha un programa de accións formativas, de carácter non formal, que busca facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias para favorecer o emprendemento, a creatividade e as perspectivas de futuro. Dentro deste programa, denominado Lidera, realizáronse dúas actividades no IES de Ames: un obradoiro de iniciación ao graffiti e o faladoiro “Do teu ocio ao teu negocio”, sobre cultura urbana e emprendemento.


O programa Lidera é un proxecto formativo que inclúe a realización de diferentes iniciativas, principalmente de carácter non formal, co obxectivo de facilitar á mocidade do concello os recursos e ferramentas necesarios para favorecer o emprendemento, promover a creatividade e impulsar as súas perspectivas de futuro tanto a nivel formativo como profesional. O programa Lidera foi posto en marcha pola Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

Dentro deste programa, a OMIX organizou no IES de Ames dúas iniciativas de arte urbana e emprendemento. A primeira delas, un obradoiro de iniciación ao graffiti, estivo destinada ao alumnado de 1º de Bacharelato. Impartido pola Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, o obradoiro ofreceu ao alumnado participante diferentes técnicas artísticas de manexo do spray, para pintar motivos relacionados coa natureza como árbores, herba, animais, rochas, nubes...

Nesta actividade participaron un total de 18 alumnas e alumnos que estiveron guiados por un artista profesional. A formación, que tivo unha duración de dúas horas, encadrouse dentro do proxecto de interpretación ambiental da fauna e flora do Rego dos Pasos, no que está a participar parte do alumnado do centro. Actualmente, as mozas e mozos que participaron no obradoiro están a realizar un mural no Rego, no que se están a pintar algunhas das plantas e animais que habitan este espazo natural.

Así mesmo, o IES de Ames tamén acolleu a realización do faladoiro “Do teu ocio ao teu negocio”, da man de Pablo Castiñeira, director de proxectos da asociación Vella Escola. O faladoiro, que aglutinou cultura urbana e emprendemento, estivo centrado nos novos sectores empresariais que están a xurdir no ámbito do ocio, da cultura e dos deportes urbanos. Desta maneira, Castiñeira explicou de que maneira traballan e como foron deseñando os diferentes servizos en función das necesidades da sociedade, ao longo dos dez anos de vida da asociación.

No faladoiro, que estivo dirixo ao alumnado de 2º de Bacharelato, tamén se abordaron novas especialidades formativas como son o Ciclo de Vídeo-DJ ou o novo grao universitario de Paisaxismo. Ambos ámbitos compartirán espazos con músicos e artistas urbanos, Djs e graffiteiros que acostuman ser contratados por establecementos ou administracións públicas para a dinamización de eventos ou a decoración de espazos urbanos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925