Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno local...


O goberno local aproba a adxudicación do servizo de telecomunicacións (fixa e móbil), acceso á Internet de banda ancha e transmisión e almacenamento de datos

[17-05-2018] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar o contrato do servizo de telecomunicacións (fixa e móbil), acceso á Internet de banda ancha e transmisión e almacenamento de datos do Concello de Ames. Dito contrato foi adxudicado á UTE constituída por Movistar e Telefónica por un período inicial de tres anos e un importe de 263.158,06 euros (IVE incluído). O novo contrato implica unha serie de vantaxes e melloras respecto ao anterior servizo que fora adxudicado en novembro de 2011 sen proceso público algún.

O novo contrato implica varias melloras de calado para a Administración local. En primeiro lugar, incremento da velocidade de acceso á Internet que chegarán ata os 250Mb simétricos desde os escasos 20Mb actuais, así como da velocidade de conexión coas sedes remotas (Milladoiro) que chegarán aos 60Mb, o que fai posible unha xestión máis áxil da documentación.

Este é un claro exemplo das melloras que implica este novo contrato para a Administración electrónica e que se enmarca dentro do plan de modernización da Administración por parte do actual goberno municipal. En segundo lugar, esta nova adxudicación tamén implica unha mellora da infraestrutura de rede local: cambio de tódolos switchs para conseguir un incremento da velocidade dentro da rede local, xunto con melloras nas liñas de Backup e no proceso para gardar documentación municipal cos criterios necesarios de seguridade.

Ademais, coa posta en marcha deste novo servizo o goberno pretende mellorar tamén a instalación dos puntos wi-fi, de xeito que se instalará un novo sistema wi-fi para as Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como para a biblioteca do Milladoiro; un incremento substancial do espazo de almacenamento dos servidores locais permite un mellor almacenaxe e xestión da documentación entre o persoal do Concello, así como entre a veciñanza e a Administración.

Outro dos cambios mais importantes é o cambio do novo sistema de telefonía, tanto fixa como móbil, pasándose a un sistema de telefonía IP, máis fiable e con novos terminais de última xeración que serán xestionados a través dunha centraliña central que será a encargada da xestión das chamadas ao Concello, cun novo sistema de atención telefónica de saltos e no que se priorizarán as chamadas aos diferentes departamentos. Por último, co novo sistema de telefonía permitirase a instalación dun novo servizo 092 para a Policía Local e melloras no servizo de streaming ata 600 Gb de almacenamento e que permitirá a reprodución de contidos dixitais en directo.

Mellórase o servizo de streaming
Por outra banda, realízase a inclusión de novas sedes á rede corporativa do Concello de Ames, pasando de 10 sedes a 14 sedes (Centro Formación e Emprego de Aldea Nova, Centro usos múltiples de Aldea Nova, Local rúa Viorneira, sede grupos políticos); mellórase o servizo de streaming (a través dun portal web o cidadán poderá visualizar distintos eventos de interese xeral xerados no Concello de Ames); mellórase a seguridade perimetral da rede do Concello, así como as características da cabina de almacenamento de datos e das liñas de Backup.

Dito contrato foi adxudicado á UTE constituída por Telefónica e Movistar por un importe de 263.158,06 euros (IVE incluído). A duración inicial do contrato será de tres anos podendo prorrogarse por un ano máis ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas). O Concello regulariza así unha situación anómala cun contrato expirado, que fora adxudicado a finais de 2011 sen concurso público, e que ao longo dos últimos anos xerou múltiples problemas de conectividade e de xestión da centraliña.

O alcalde e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, informa que “este blindaxe no proceso de telecomunicacións permitirá que o Concello de Ames garanta durante os vindeiros anos unha capacidade adaptada ao século XXI e siga dando pasos na modernización das infraestruturas. Teremos un Concello mais áxil, eficiente e seguro, ademais de cumprir coa legalidade e a un menor prezo”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925